A Xunta de Galiza ven de se agregar a este espectáculo de feira das vaidades orquestado polo Concello de Santiago apoiando como “imprescindíbel” o proxecto do Teleférico ao Monte Gaiás. Cando aínda non se sabe que facer coa Cidade da Cultura, queren instalar un teleférico para unir a estación do AVE coa Cidade da Cultura e o casco vello, cun desnivel de 50 m en apenas mil metros que suman os dous tramos, para unha cidade que non chega a 100.000 habitantes. E queren comparalo co teleférico de Quito que ten un desnivel de 1000 m nun percorrido de 2500 m nunha cidade de máis de 2 millóns de habitantes e 3 millóns máis no seu distrito metropolitano.

A xustificación do desbaldimento de 20 millóns de euros é tan ridícula coma o teleférico; atraer turismo, como se Compostela estivera falto del; comunicar a cidade da cultura co centro, coma se non existira xa transporte público; salvar o pequeno desnivel de 50 m como se non existiran estradas, e o máis esperpéntico, apúntase a facer uso dunha até o de agora descoñecida sensibilidade ambiental, facendo fincapé “na vantaxe que aporta desprazar aos viaxeiros, sen ningún tipo de contaminación, calculando que o teleférico podería trasladar nunha hora ao equivalente a 40 autobuses de liña”. Se non contamina, como vai funcionar? como unha tiroliña? coma unha catapulta?

A maiores, seguro que a posíbel construción do teleférico non evitará as conexións que se teñen previsto facer entre a Cidade da Cultura e a AP-9 e a SC-20 tamén coa escusa de dar saída ás de seguro masas inxentes de turistas desexando somerxese na cultura que aportará esta “cidade”. E moito tememos que tampouco evitará que existan liñas de transporte urbano que cheguen tamén ate ali. É dicir, tripliquemos o gasto e as obras para fornecer o mesmo servizo, xa o dixo alguén .. quen move máquinas, move cartos.

Un organismo como o Icomos, (Consello Internacional de Monumentos e Sitios Histórico-Artísticos), o único organismo asesor da Unesco en asuntos de patrimonio xa emitiu un informe ao respecto no ano 2008 no que afirmaba que o impacto paisaxístico do teleférico era inadmisíbel e que de facerse o Concello estaría incumprindo a Declaración de Patrimonio da Humanidade. Este informe foi encargado polo propio Concello e o Consorcio que agora, no cumio da súa ignorante soberbia, despreza esta conclusión cun simple “o informe non é vinculante”. Sr. Alcalde, o informe do Icomos pode non ser vinculante, pero a autorización da Unesco si o é e depende en grande medida deste informe.

Pedímoslle ao Concello de Santiago que reconduzan cun mínimo de seriedade o grave problema de mobilidade e transporte que padece Compostela e a súa cidadanía, que á que reside na cidade e soporta durante todo o ano as súas consecuencias, mellorando o transporte urbano, límitando de entrada de vehículos á cidade e favorecendo os modos de transporte non contaminantes. E se queren facer unha nova conexión de transporte para o Gaias dende a futura estación intermodal, lembrámolles que no programa electoral de ambos os dous socios de goberno municipal falábase da conexión ferroviaria co aeroporto, que debera ser o inicio da conexión de ferrocarril entre Compostela e Lugo, que ben podería ter unha parada ás portas do Gaias.

Nesta feira da vaidades todo ten cabida, a seguinte proposta da feira podería ser un heliporto para levar turistas á cidade da cultura, mentres ficamos sen transporte urbano, sen carril bici, sen posibilidade de movernos pola cidade dun xeito sustentábel.