A Federación Ecoloxista Galega ven de presentar, na fase de trámite de audiencia pública, achegas ao Proxecto do Decreto polo que se modifica o Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural das Fragas do Eume.

As Fragas do Eume constitúen un dos mellores exemplos de bosque atlántico en Europa, que posúe unha elevada biodiversidade que é necesario conservar e que sen embargo ten sufrido unha severa degradación na últimas décadas, o que fai necesarias accións de protección e recuperación que fagan viable o futuro desta zona protexida.

A elaboración do PRUX, aínda que con 25 anos de retraso con respecto ás esixencias legais, parecía a oportunidade para establecer un punto de inflexión e iniciar un proceso de detención da degradación e de restauración do ecosistema orixinal alí onde resultou danado ou eliminado pero, o texto elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, amosa unha absoluta falla de vontade por conservar ou recuperar os hábitat.

Para comezar, o plan só protexe realmente unha pequena parte da superficie do Parque, concretamente 304,01 has. dun total de 9106,36 has. que abarca o territorio do Parque. Parece non ter moito sentido establecer un espazo protexido onde so se protexe un 3,34% da súa superficie e non se establecen nin actuacións nin normas que permitan a recuperación das zonas degradadas na maior parte da súa superficie.

Unha das ameazas máis determinantes son os cultivos ou exemplares naturalizados de especies pirófitas que favorecen a degradación e a expansión dos incendios forestais; pero o PRUX que propón a Administración non enfronta este risco que está a desencadear a destrución de sistemas naturais e a perda de solos por erosión. Non se debe esquecer que os incendios son frecuentes na zona e que un gran incendio afectou en marzo de 2012 a 750 hectáreas, 300 delas dentro do Parque Natural ou que, aínda en agosto de este ano, produciuse un lume que afectou á parroquia de Queixeiro. É necesario establecer medidas específicas para o control efectivo deste risco, reducindo a combustibilidade dos montes no Parque Natural erradicando ou reducindo eucaliptais e piñeirais, plantacións especies alóctonas alleas aos ecosistemas que se pretenden protexer, non se debe esquecer que os incendios futuros serán máis frecuentes e de maiores dimensións.

Pero a ausencia de normas e accións de protección, deixa abertos outros riscos evidentes que operarán negativamente na conservación da riqueza biolóxica e xeolóxica do parque. En efecto, non se actúa para evitar os danos producidos polos cambios bruscos de caudal ou a contaminación procedente do encoro da Capela, a carón do parque e que ademais é unha barreira infranqueable para o paso de peixes. Tampouco se actúa contra a proliferación de parques eólicos na contorna que desvirtúan a paisaxe orixinal. Permítese a caza con cans que provocan danos imposibles de controlar. Toléranse as malas prácticas agrícolas que contaminan os solos e a auga.

Ocorre ademais que esta ausencia de protección efectiva no PRUX implica o incumprimento da lexislación comunitaria, nomeadamente da Directiva Hábitat (Directiva 92/43/CEE de 21 de malo de 1992 relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres) xa que esta norma esixe que para un espazo da Rede Natura 2000, unha zona de especial conservación, “se apliquen as medidas de conservación necesarias para o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e/ou das poboacións das especies para as que se teña designado o lugar”. Tendo en conta que o “mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable de hábitat ou especies ameazadas” so é posible si se aplican medidas de conservación ao conxunto do espazo e que neste caso so se aplican ao 3,34% da súa superficie, atopándonos xa que logo dun evidente incumprimento de lexislación comunitaria.

No seu escrito de achegas, a FEG rexeita un texto no que se renuncia a modificar a situación actual e pon en evidencia a necesidade de accións de conservación e normas de conservación propoñendo o control das plantacións de árbores pirófitas e a regulación das actividades que se realizan no parque para evitar os danos que provocará a mala xestión forestal, o intensivismo agrícola ou gandeiro ou a caza e a pesca; unha regulación no sentido da conservación e restablecemento da biodiversidade das Fragas. Fai ver tamén o ridículo dos orzamentos, 2 millóns de euros para un período de 10 anos, claramente insuficiente para cubrir as tarefas e o persoal necesarios para manter a propia funcionalidade do parque nas vertentes de conservación, restauración, adquisición de propiedades, vixilancia, investigación ou educación. Chámase por último a atención sobre o feito de que no novo PRUX non se contemple o apoio ás Asociacións de Custodia do Territorio que están a realizar un inmenso esforzo para a adquisición e restauración de propiedades dentro do parque. Este esforzo, que seguramente constitúe o único factor de evolución positiva e contribución eficiente ás melloras no parque, debe ser apoiado orzamentaria e regulamentariamente pola Administración.