A Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que fai parte Verdegaia, amosou a súa grande decepción pola recente decisión do Consello da Xunta de legalizar a explotación mineira de lousa da Campa, en Folgoso do Courel, até agora en situación irregular. A oposición social a esta impactante canteira finalmente non tivo eco no Goberno bipartito, moi particularmente no tándem configurado polas Consellerías de Industria e de Medio Ambiente.
O proxecto autorizado pola Xunta, pendente agora de licenza municipal, viña acompañado xa dunha importante polémica, que se remonta ao anterior goberno. A súa autorización amosa unha política continuista e errática do actual goberno, no tocante á planificación territorial e á preservación do patrimonio natural e cultural, en particular dos espazos máis senlleiros.
Cómpre destacar que esta mina tiña moi difícil xustificación técnica para contar cunha favorable Declaración de Impacto Ambiental, pero no ano 2004 a Consellería de Medio Ambiente resolveu favorablemente esta cuestión, unha vez que reduciu a superficie do Courel a incluír na Rede Natura 2000. Ficaron excluídos terreos de alto interese mineiro, entre outros, os considerados nesta nova autorización.
Dende a FEG vese con escepticismo cal pode ser agora o resultado do recente anuncio da Xunta para a declaración do Parque Natural da Serra do Courel. Os visitantes deste espazo vanse atopar cunha paisaxe tremendamente mutilada, a modo de queixo cheo de buratos, e cunha calidade ambiental moi deteriorada.
A FEG considera que política ambiental practicada pola nova Xunta de Galicia é a de “un paso adiante e dous atrás”, e que a estas alturas unha das esixencias mínimas que deberían estar cumpridas sería a de ter blindado a protección dos espazos naturais máis sobranceiros.
Participa agora na ciberacción a favor da protección integral do Courel!
Máis información:
Galería de imaxes na web de Amigos da Terra da canteira que vén de ser legalizada.