Con motivo da celebración, o 21 de Setembro, do Día Mundial contra os Monocultivos de Árbores, a Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forma parte Verdegaia, promove unha ciberacción que critica o apoio que a Xunta continúa a dar á expansión do eucalipto e solicita unha nova política forestal galega baseada na conservación da biodiversidade, na protección dos solos e na valorización dos montes.

A FEG denuncia que “o cultivo de eucalipto está a ser un factor fundamental na degradación e hipoteca do futuro dos nosos sistemas forestais. A Administración galega desenvolve unha política baseada no mantemento e promoción dos monocultivos, fundamentalmente do cultivo de eucalipto, ao servizo das industrias de transformación que monopolizan a actividade do sector forestal e impoñen un modelo de xestión insostible ambiental, social e economicamente. A forte dependencia do sector forestal desta actividade industrial está a impedir o desenvolvemento do sector, a minimizar os beneficios do monte e a causar un severo dano ambiental. As industrias, actuando de xeito monopolista, levan anos facendo caer o prezo da madeira a niveis que fan moi pouco rendible a produción, a falla de beneficios é a principal causa do abandono dos montes e da mala percepción social dos mesmos. O cultivo de eucalipto impide por outra parte calquera outro uso dos montes ou a obtención doutros produtos que non sexan os madeirables”.

“Sumado a esta política pro-monocultivos, o emprego de técnicas de traballo fortemente destrutivas durante as tarefas de plantación, tala e extracción, o uso abusivo de agrotóxicos ou a expansión invasiva das plantas de eucalipto están a ter consecuencias, nalgúns casos irreversibles sobre o medio (aumento da compactación e erosión, perda de biodiversidade, alteración de bosques protectores…)”.

Perante esta realidade, a FEG decidiu impulsar unha ciberacción, animando aos cidadáns de Galicia e doutros países a enviaren, a través dun formulario dispoñible na Internet, un escrito aos conselleiros do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, demandando unha mudanza na política forestal autonómica que deteña a degradación que sofren os montes galegos.

Ademais, a FEG promoveu a creación dun álbum de fotografías na rede onde se tornan visibles algúns dos impactos dos monocultivos na nosa terra. Calquera persoa que o desexe pode achegar fotos a este álbum enviándoas ao enderezo de correo electrónico contraosmonocultivos@gmail.com 

Participa agora nesta ciberacción!