A FEG vén de presentar alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental (EIA) da A-54 entre Arzúa e Palas de Rei. O proxecto, tal e como está formulado, afectaría á Zona de Especial Conservación (ZEC) da Unión Europea (UE) “Serra do Careón” (ES1110014), espazo da Rede Natura 2000, caracterizado polas súas comunidades vexetais serpentinófitas.

A FEG insta ao Ministerio de Fomento a estudar outras alternativas que non afecten á ZEC, como outra vía de menor impacto fóra da zona. Entre os motivos que levan á FEG a solicitar o anterior, salientamos:

1º A Serra do Careón posúe hábitats e especies de carácter prioritario
(isto é, con perigo de desaparición ou de extinción) dentro da zona de
afección do proxecto de autovía. Tanto a Directiva Hábitats (92/43 CEE)
como a Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad (42/2007), non
permiten intervencións deste tipo coa fin de salvagardalos.

2º Cinco especies presentes na zona están consideradas polo Catálogo
Galego de Especies Ameazadas como en perigo de extinción; tres delas son
endémicas estritas, é dicir a Serra do Careón é a súa única
localización mundial. O mesmo catálogo, amparado pola Lei Galega de Conservación da
Natureza (9/2001), prohibe a destrución dos seus hábitats.

Asemade, a FEG solicita que se tomen medidas de prevención na zona (entre
as que se inclúen a paralización do proxecto) mentres non se publique no
DOG o Plan de Recuperación das Especies en Perigo de Extinción presentes
na área de afección.