erodiumA herba de agulla (Erodium maritimun) está catalogada “En Perigo Crítico de Extinción” pero, nun exercicio de irresponsabilidade, foi substituída por baldosas para unha terraza de acceso ao faro das Illas Cíes, en pleno Parque Nacional das Illas Atlánticas, segundo informou a Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forma parte Verdegaia. 

A Federación Ecoloxista Galega tras visitar as Illas Cíes o pasado fin de semana puido comprobar con sorpresa a desafortunada actuación acometida nas inmediacións do faro despois do verán, unhas obras consistentes no aterrazado e acondicionamento con baldosas na explanada presente no lugar, onde medraba a única poboación desta especie no Parque Nacional. Hai que destacar que esta poboación era unha das tres das que se ten constancia no Estado español. Segundo o Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, aparece tamén en San Andrés de Teixido e na Illa Dragonera en Mallorca.

Se atendemos á distribución mundial da especie, da que se citan moi poucas localizacións entre Irlanda e Túnez, non hai dúbida que a herba de agulla era unha das especies máis ameazadas dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e formando parte dun reducido grupo de especies dentro da parte terrestre do PN en situación crítica e de atención preferente en calquera das actuacións de conservación que se deben acometer do que se espera nun Parque Nacional. Trátase dunha especie que pode medrar en fendas de valados e/ ou diques de contención tal coma era o caso das Cíes, o cal non lle resta importancia á especie, dada a súa exigua poboación a nivel mundial. O próximo Catálogo Galego de Especies Ameazadas inclúe esta especie coma en “Perigo de Extinción”, polo tanto debe ser obxecto dun plan de conservación.

Conservación desatendida nun Parque Nacional.

A desaparición da especie deixa claramente en entredito o papel de conservación sobre a biodiversidade (flora, fauna) que se está a levar adiante nun espazo para o que se lle presume o maior rango de protección. A FEG considera que as medidas de xestión para conservación están moi desatendidas no Parque Nacional. Se esta é a situación do Parque Nacional, para o resto dos espazos naturais galegos estase a comprobar que a cousa pinta aínda peor en materia de conservación da flora e fauna con maior perigo de desaparición.

O descubrimento non foi fortuíto e prodúcese a raíz da posta en marcha dun programa de valoración e seguimento sobre a situación das medidas de conservación que aplica a administración para a protección das especies e poboacións máis ameazados de Galiza, escolléndose coma referentes para o seguimento, aquelas especies sobre as que distintas publicacións especializadas chaman a atención no tocante á urxencia de adoptar medidas de conservación. No caso da herba de agulla, dicir que se trata ademais dunha falla de criterio técnico inexplicable, e da que se deben dar explicacións precisas sobre o acontecido. Para esta especie, a FEG tivo en consideración o publicado nun libro do Ministerio de Medio Ambiente no ano 2004, “Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España” e no que na súas páxina 246 e 247 destaca a situación deameaza e deficiente estado de conservación.

Concretamente di no apartado de ameazas que: “Nas Illas Cíes a especie sitúase no entorno dun faro moi visitado, cuxo acceso sométese anualmente a labores de desbroce que afectan á poboación”. E no apartado de Conservación di que “o grao de conservación das poboacións galegas, pese a estar incluídas nun Parque Nacional e nun LIC (Costa Ártabra), e moito máis deficiente”. Dos 32 exemplares que veñen censados e recollidos en dita publicación no foi detectado ningún, e presúmese que como as obras de adecuación do entorno do faro foron anteriores ó período de floración e fructificación a viabilidade da poboación queda practicamente anulada.