Nos últimos días, dentro dun labor que ten por obxectivo dar resposta á avalancha de proxectos que pretenden inzar de muíños os nosos montes de xeito indiscriminado, a FEG vén de presentar novos informes con alegacións contra os proxectos eólicos Rula e Coto dos Lobos.

O primeiro está situado no concello de Cerdedo-Cotobade, aínda que a súa estrutura de evacuación afectará tamén o concello de Ponte Caldelas. Trátase dun parque de 55MW promovido pola empresa Green Capital que afectaría a unha zona de altísimo valor ambiental, a cabalo entre a Serra do Suído e a zona de especial conservación do río Lérez, unha área na que se atopan numerosos hábitats catalogados como prioritarios e de interese comunitario. Ademais do evidente impacto negativo que a instalacións das torres e construción de pistas e liñas de evacuación asociadas, suporía sobre o ecosistema, cómpre destacar o inmenso patrimonio cultural da zona, con numerosos petróglifos presentes na mesma, así como castros, todos eles catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC).

O segundo proxecto, chamado Coto dos Lobos, sitúase nos concellos de Salvaterra do Miño e As Neves, nunha área de gran valor paisaxístico na que, precisamente se sitúa un miradoiro debido á panorámica que ofrece. Ademais de se tratar dunha zona afectada polos incendios que, de acordo coa lei de montes non pode cambiar de uso, a instalación dos aeroxeradores afectaría e ecosistemas e formacións vexetais protexidas e tamén a elementos patrimoniais como a Capela de San Nomedio ou diversos petróglifos.

Como xa é habitual, nos documentos iniciais presentados, obsérvanse erros na metodoloxía, vulneración da lexislación vixente en materia de conservación medioambiental, ausencia de avaliación do impacto nos recursos hídricos dos núcleos de poboación próximos, así como, nalgúns casos o uso da práctica fraudulenta da fragmentación artificiosa dos parques eólicos.

As présas e a avidez pola captación de fondos está tras graves deficiencias destes Documentos que inician a tramitación dos proxectos que, non so carrexan un elevado impacto sobre o medio natural e o social en si mesmos. Estes estudos ambientais fuxen de analizar que os procesos de degradación reais que provoca un Parque Eólico, pero tampouco teñen en conta que esta degradación resultara sinérxica coa que provoquen parques próximos. Tendo en conta a elevada densidade de proxectos que se están tramitando, se todos eles chegasen a construírse, a destrución ambiental e económica que provocarían sería de grandes dimensións.

Por último, a pesar de que nos Documentos de Inicio sempre se recoñece en parte o dano ambiental que se vai provocar, en ningún caso se xustifica a necesidade da enerxía que vai causar ese impacto. Si temos en conta que a enerxía que se producirá so con parte destes proxectos satisfaría a necesidade de electricidade de Galicia e se tería que exportar a sobrante, parece evidente que non é a necesidade de producir electricidade de fonte eólica a que está animando a elaboración destes destrutivos proxectos.