Sen xustificación real, a Consellería do Medio Rural vén de aprazar sen data a celebración da reunión do Consello Forestal Galego prevista para o venres 26 de abril no que se ía presentar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) para o 2024. A día de hoxe aínda non hai data para esa reunión.

Fai tempo que a Administración vén amosando o seu desprezo polos actores do sector no ámbito forestal. Ata o de agora presentaba cada ano o PLADIGA nunha reunión do Consello Forestal Galego (CFG) na que puña en escena unha “performance” para simular unha participación na realidade baleirada de todo sentido dada a escasa anticipación coa que se remite a documentación e a ausencia de interese en opinións ou proposicións de terceiros e da sociedade civil, reducíndose o acto ao eloxio do Plan presentado. Este ano foi un paso máis alá xa que o PLADIGA foi aprobado polo Consello da Xunta e presentado aos medios antes da data establecida para a reunión do CFG. En definitiva, o desprezo da administración por calquera opinión ou achega dos sectores implicados e interesados na xestión forestal e preocupados polo avance dos lumes forestais é absoluto.

Aínda que o PLADIGA 2024 non foi enviado aos membros do Consello Forestal Galego, coñécense polos medios algúns detalles soltos do mesmo e temos xa como referencia o historial e tradición de eivas, carencias e descoordinación (causas das queixas razoables dos traballadores dos servizos de extinción) e dunha falla dunha orientación da política forestal cara a loita contra o lume. A pesar de certas modificacións e melloras, o novo Plan semella no fondo unha copia dos anteriores. A consecuencia que podemos tirar disto é que os incendios que se produzan no que queda de ano serán tamén como os que se teñen producido en anos anteriores, dependendo fundamentalmente das variables que habitualmente os controlan, fundamentalmente meteorolóxicas.

A pesar de termos entrado xa na era dos megaincendios, determinados polos efectos do cambio climático, onde os medios técnicos e tecnolóxicos non parecen poder evitar o avance dos grandes lumes, a administración forestal galega non parece decidirse a afrontar esta realidade e segue a dedicar millóns de euros públicos para facer fronte aos efectos do incremento da combustibilidade no monte que ela mesmo promove coa expansión de cultivos de especies pirófitas. Así, a pesar de que o Plan Forestal Galego renovado propoñía unha redución da superficie ocupada polo eucalipto, favorécese a expansión de novos demandantes de madeira destas árbores como The Navigator
Company que está a alugar e comprar terreos por Lugo, A Coruña e Pontevedra e preténdese subvencionar a fábrica de pasta e fibra de ALTRI. O PFG programaba un aumento da superficie, no caso do piñeiro de máis do 30%. Estase a promover un monte cada vez máis combustible.

Os negocios asociados a estas plantacións benefícianse así do diñeiro de todas e todos que a Xunta gasta na loita contra os incendios e non parecen amosar preocupación polos danos que provocan as súas actividades ao facer dos montes galegos un factor de risco, favorecendo a acción de lumes que poñen en perigo a vida de persoas, o futuro as comunidades, aceleran a perda de solos, cada vez máis degradados, de recursos e de biodiversidade que están a avanzar e a agravarse co aquecemento do noso clima.

Desde a Federación Ecoloxista Galega amosamos a alarma que provoca a falta de previsión, o desleixo da Administración e o seu desprezo polos membros do Consello Forestal Galego e a falta, aínda hoxe, dunha política integral de loita contra o lume. Ante esta mala política non fica máis que desexar que teñamos unha primavera con mal tempo, un verán chuvioso, un outono invernal e un inverno no que apenas vexamos o Sol.

Compostela, 30 de abril de 2024