Durante o trámite de audiencia, a Federación Ecoloxista Galega, ven de presentar achegas ao Anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia. Para a FEG trátase dun proxecto que apenas aporta novidades significativas na política contra os lumes nunha etapa que esixe cambios substanciais que permitan controlar un problema que, a pesar dos esforzos realizados e perdas sufridas por todos os galegos, ameaza con medrar.

A FEG recoñece avances realizados pola Administración galega en canto aos medios técnicos e tecnolóxicos utilizados contra o lume, pero trátase dunha mellora que non está a conseguir resultados en forma de diminución significativa do risco de incendio e dos danos asociados. Coa chegada de novas condicións asociadas á emerxencia climática, o risco parece non deixar de crecer. A realidade o indica e o anteproxecto o intúe; hai unha grande catástrofe ambiental, económica e social anunciada que pode ocorrer en calquera momento e que debemos enfrontar con decisión e responsabilidade, algo que falla no Anteproxecto da nova lei.

A FEG ten remitido á Dirección Xeral de Defensa do Monte un escrito onde realiza unha serie de propostas que consideramos imprescindibles para mellorar a eficiencia da lei na loita contra os incendios. Para comezar é necesario adoptar medidas en materia de prevención que reduzan a combustibilidade do monte. Á vista dos incendios que se están a producir nos últimos anos, que afectan cada vez a maiores superficies, a pesar de que o Anteproxecto de lei recoñece a alta perigosidade de certas especies con potencial invasor e produtoras de combustible como eucaliptos e piñeiros, prohibíndoas especificamente nas faixas de seguranza e nas zonas de interface urbano-forestal de onde deben ser retiradas como parte das obrigas de xestión da biomasa e a pesar do seu evidente carácter pirófito (especies que utilizan o lume nas súas estratexias ecolóxicas e producen gran cantidade de combustible), eucaliptos e piñeiros, ocupan a maior parte da superficie forestal arborada de Galicia segundo os últimos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia.

Dende a FEG proponse a planificación por lei da redución da combustibilidade, reducindo de forma significativa a superficie ocupada por piñeiros e eucaliptos, comezando por eliminar a súa presenza nas denominadas Zonas de Alto Risco de Incendio. Tamén é necesario enfrontar a expansión de invasoras como acacias ou robinias. Para isto, débese modificar o Plan Forestal Galego, que propoñía un grande incremento da superficie ocupada polos piñeiros e o mantemento da ocupada por eucaliptos. Neste sentido, non é razoable nin sostible realizar plantacións de especies que implican un aumento do risco de propagación de incendio, e cargarlle ao conxunto da sociedade os gastos de prevención, e de extinción e restauración cando se produce un incendio. Para a Federación Ecoloxista, todos estes gastos deben ser asumidos polas persoas, organizacións e empresas que realicen plantacións coas especies de risco incluídas no ANEXO do Anteproxecto coa lista de especies prohibidas.

No apartado da extinción, vense notando e denunciando dende os colectivos do persoal que participa nestas tarefas, un alto grado de dispersión, con participación de persoal procedente de diversas administracións e de descoordinación, que leva a unha perda de eficiencia e aumento do risco para os traballadores, as malas condicións laborais e baixos salarios dos mesmos e o mal equipamento para a realización das súas tarefas. O Anteproxecto describe un “servizo público de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, dependente da consellería competente en materia de prevención de incendios forestais, ten carácter estable e profesionalizado e integrase baixo o mando único da dirección xeral competente en materia prevención e defensa contra os incendios forestais”, pero en realidade segue a describirse un sistema como o actual, con participación de persoal de diversas administracións e con diferentes condicións. Para a FEG necesaria a creación dun verdadeiro e único servizo público de loita integral contra os incendios forestais de Galicia que asuma todas as competencias posibles na loita contra o lume forestal, a súa prevención, a extinción e a restauración das superficies queimadas; con persoal contratado durante todo o ano pola Administración galega, en condicións laborais dignas e dotado dos equipamentos necesarios para realizar as súas funcións.

Dende a Federación Ecoloxista, tamén se ve imprescindible a protección da biodiversidade, outra grande ameaza dos incendios, ampliando a rede de espazos protexidos e a protección de especies ameazadas afastando deles as formacións pirófitas e prácticas como as queimas preventivas que se teñen estendido por zonas de interese natural.

Unha lei de loita integral contra os incendios non pode esquecer e debe ter en conta especificamente a protección real dos solos e dos recursos hídricos con actuacións que afasten de forma preventiva o risco e que afronten a restauración eficaz unha vez que unha zona se vexa afectada por un incendio de cara a minimizar as consecuencias nestes dous recursos.