Resulta evidente que os lumes que se están a producir este verán polo seu número e a súa extensión constitúen un motivo de enorme transcendencia que debe levar á reunión do plenario. Así ven de solicitalo a Federación Ecoloxista Galega ao seu presidente, o Conselleiro do Medio Rural, co obxecto de que se de voz a todos os sectores relacionados co mundo forestal diante dos serios problemas que ameazan ao futuro do monte galego.

O Decreto 306/2004, polo que se crea o e Consello Forestal de Galicia, o órgano de carácter consultivo e de asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, prevé que se poderá realizar a convocatoria do pleno do mesmo cando exista algún motivo de especial transcendencia relacionado coa súa competencia.

As situacións de risco para a cidadanía e a destrución que se ten producido nos ecosistemas e nos sistemas forestais, ten e terá consecuencias sociais, económicas e ambientais de grande relevancia. Ademais de todo o destruído, nas próximas semanas, as chuvias agravarán o problema mobilizando sedimentos, acelerando a erosión, empobrecendo solos, contaminando ríos e zonas de litoral e véndose afectada de modo dramático a biodiversidade, os recursos naturais e a calidade e dispoibilidade dos recursos hídricos.

Resulta imprescindible a adopción urxente de medidas de protección e restauración nos montes queimados pero apenas se está vendo a Administración forestal na planificación e execución destas tarefas; como adoita suceder, volven a ser as mans dos habitantes das zonas queimadas e do voluntariado, da cidadanía organizada, as que están desenvolvendo os traballos de conservación e recuperación. As accións que se leven a cabo agora, poderán evitar que os danos continúen medrando e tamén facilitar a recuperación das áreas queimadas.

É por iso que a FEG ven de solicitar esta convocatoria extraordinaria dunha reunión do CFG, unha reunión na que pide que se explique e analice a vaga de lumes e a afectación dos ecosistemas e os sistemas forestais, na que se expliquen tamén os danos provocados polo lume nas diferentes bisbarras e se propoñan as tarefas de restauración que deteñan a espiral de degradación que se ten iniciado.

Solicítase ademais unha análise da eficacia do PLADIGA deste ano 2022 buscando explicación para a falla de medios nas situacións de emerxencia que se teñen producido. Tamén se propón que nesta reunión se valore a necesidade de reformulación dos instrumentos da política forestal. O plan forestal elaborado pola Consellería do Medio Rural situaba os obxectivos para os próximos anos en actuacións destinadas ao aumento da extensión do piñeiro e eucalipto, especies con alta combustibilidade e que, como se está a comprobar favorecen a expansión dos incendios forestais. Parece claro que a orientación debe dirixirse á diminución da cantidade e calidade do combustible e ao incremento da capacidade de adaptación da vexetación ás condicións cambiantes controladas pola emerxencia climática sendo necesario ir preparando os montes para o cambio que xa se está a producir para que podan adaptarse e para evitar dramáticos eventos como os que estamos a sufrir este verán.