A Federación Ecoloxista Galega (FEG), en representación das principais entidades ecoloxistas e naturalistas de Galiza, fai chegar as súas propostas de cambio na xestión pública cara a un modelo máis ecolóxico e sustentábel ás principais formacións políticas candidatas ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, para que as incorporen no seu programa electoral e, posteriormente, na súa acción de goberno ou de oposición.

A amplitude da crise ambiental global, significada pola emerxencia climática e ecolóxica, o esgotamento dos recursos naturais e o incremento das desigualdades sociais, é de tal magnitude que precisa dunha mudanza radical nas políticas a desenvolver.

Agora e mais que nunca, e tras a experiencia vivida pola situación de alarma sanitaria derivada da Covid-19, debemos ser conscientes e actuar en consecuencia a prol do coidado do noso entorno. A Natureza proporciónanos o medio no que vivimos e os recursos imprescindíbeis para a vida, como a auga, o solo, ou o aire que respiramos.

As comunidades municipais galegas deben ser conscientes das actividades coas que se contribúe a degradar o medio natural, con fortes impactos para o territorio e a biodiversidade, con repercusións na vida das galegas e galegos.

Reducir o consumo de enerxía, apostar por un modelo de mobilidade centrado nas persoas, aplicar unha política de ordenación do territorio que limite o crecemento urbanístico e defenda a costa, regular as actividades extractivas, apostar por un mundo rural vivo promovendo a soberanía alimentaria, frear a perda de biodiversidade e recuperar os montes, implantar unha nova cultura da auga, abandonar o modelo de incineración de residuos e o vertedoiro, promover a redución, a reutilización e a compostaxe, facilitar coñecementos aplicando a educación ambiental, impulsar unha contratación e compra pública verde.

Estas foron as 10 cuestións escollidas, nas que a competencia municipal ten moita marxe de acción para a mellora en termos de sustentabilidade.

Eleccións Municipais 2023: Decálogo para camiñarmos cara a sustentabilidade