A vaga de incendios está a provocar inmensos danos nos sistemas forestais galegos e no seu patrimonio natural dende fai xa demasiados días e semellan non ter freo. Estes lumes non só asolan Galicia, senón que acompañan outros grandes incendios no resto do Estado español e en boa parte de Europa, facendo evidente que gardan unha clara relación co actual estado de emerxencia climática que orixina condicións cada vez máis extremas. Non estamos a sufrir unha praga divina ou un castigo de Deus, ben ao contrario, estas situacións eran predicibles, non había dúbida de que isto tiña que ocorrer máis cedo que tarde cando nos últimos anos ten aumentado enormemente o índice que mide o risco meteorolóxico de lume forestal. Sábese sobradamente que existen novos patróns de comportamento do sistema meteorolóxico que o fan máis agresivo cada vez. Tamén se coñece o risco de incendio asociado a cada formación vexetal e o seu comportamento coas distintas condicións meteorolóxicas. Sabemos a ciencia certa que este tipo de eventos vanse repetir no tempo e que como consecuencia poden desaparecer, como xa levan tempo desaparecendo, sistemas naturais, biodiversidade e miles de toneladas de solo fértil. Sabemos, tamén, que o medio rural vai sufrir as dramáticas consecuencias de máis e máis lumes.

Pero, si sabemos todo isto, que facemos para evitalo? O movemento ecoloxista e, nomeadamente a Federación Ecoloxista Galega, levan moitos anos pedindo á Administración que tome en serio a emerxencia climática, que se preserven as formacións naturais protectoras das sucesións ecolóxicas e dos recursos hídricos constituíndo ademais sumidoiros de carbono, sen que esta protección se leve a cabo. Levamos moitos anos pedindo unha política forestal ambientalmente responsable pero a Administración aprobou un Plan Forestal renovado que favorece a expansión das especies pirófitas, as que arden e axudan á extensión dos lumes forestais. Estes lumes constitúen un fracaso de todo o conxunto da poboación, cómpre facermos autocrítica, pero sen dúbida son tamén o resultado dunha política ambiental, forestal e de control do lume erráticas e irresponsables, e é por iso que existen responsabilidades con cargos e nomes concretos.

Dende a FEG queremos expresar a nosa preocupación e a nosa solidariedade cos habitantes das zonas afectadas polos incendios e con todas as persoas que están a facer un inmenso esforzo, carecendo dos medios imprescindibles e mesmo poñendo en risco as súas vidas, para conter o avance do lume. Os medios e as testemuñas das persoas que viven e traballan na zona deixan constancia da angustia e impotencia que todos están a sufrir, angustia e impotencia na que non podemos instalarnos. Compartimos a dor pola perda de fogares e de recursos dos habitantes da zona, polos danos físicos e morais, pola destrución dos ecosistemas máis valiosos: o Courel, a Serra da Enciña da Lastra, o Invernadoiro; bosques míticos onde se atopaban algúns dos derradeiros refuxios de biodiversidade.

Pero agora esiximos actuacións, esiximos á Administración que comece xa a planificar os traballos de protección dos solos nas áreas queimadas antes de que sexan arrasados pola erosión, a restauración dos ecosistemas destruídos. Esiximos que se tome en serio dunha vez a emerxencia climática e se teña presente á hora de avaliar políticas e proxectos, que se protexan os recursos naturais, as reservas hídricas, os solos e os ecosistemas. Esiximos políticas forestais protectoras, que rebaixen a combustibilidade do monte, que proporcionen recursos diversificados no rural.

Xa sabemos cara onde nos leva a degradación ambiental, mais tamén que temos ferramentas para freala. É por iso que esiximos aos nosos gobernantes que actúen e defendan os nosos montes e a biodiversidade que atesouran, os nosos recursos, e o noso rural. É o noso futuro.