Os colectivos que formamos parte da Federación Ecoloxista Galega argumentamos as nosas queixas sobre o funcionamento do Consello da Xunta, que está a desatender ou mesmo pór trabas aos procesos de participación pública que en materia de medio ambiente son preceptivos e están recollidos en multitude de normativas europeas, estatais e autonómicas.

Xa no ano 2021 as vogalías de carácter ambiental solicitamos debater no pleno do COGAMADS a problemática dos proxectos eólicos que se están a presentar en cantidades inxentes para Galiza, facendo fincapé nos seus impactos ambientais. A cuestión non apareceu na orde do día ata o ano 2022, xuntanza na que a Conselleira eludiu tramitar a solicitude e abandonou precipitadamente o pleno sen tratar o punto. Foi na segunda xuntanza do Órgano no 2022 que a pesar da insistencia pola nosa parte para tratar o tema, pasou a nin recollerse na OD, incluso logo de ser adiada en 3 ocasións a xuntanza, todas por incompatibilidade na axenda da Conselleira.

Ante estes feitos e formas, as vogalías da FEG, ADEGA e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), tomamos a decisión, comunicada á Presidencia do COGAMADS e publicada en diversos medios de comunicación, de non participar das reunións mentres non se debatan e voten no pleno cuestións ambientais solicitadas sobre a problemática eólica.

A nosa decisión de ausentarnos das reunións deste organismo non responden a unha falta de interese na nosa participación cidadá, senón o contrario, entendemos que é unha torsión do seu regulamento, censurando o debate e impedindo o dereito ao voto dos seus membros. Este tipo de prácticas rebaixan o potencial democrático de organismos consultivos, converténdoos en meros trámites sen transparencia nin participación real.

Tendo en conta que as irregularidades non son illadas, senón que forman parte dun conxunto de accións (ou inaccións) que deberían ser revisado na súa totalidade, desde a FEG elevamos a nosa queixa ante a Valedora do Pobo polo funcionamento concreto do COGAMADS e a actitude ao respecto da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en persoa da súa primeira representante, a Conselleira Ángeles Vázquez Mejuto.