• A FEG reitera a súa reclamación contra a concesión do selo FSC de sustentabilidade forestal a ENCE
  • A FEG considera esa certificación fraudulenta ao non respectar os propios protocolos dos que o selo se dotou para asegurar a súa eficacia e, a empresa alemá encargada de realizar a autoría do selo GFA Certification, non respondeu ás reclamacións efectuadas.
  • As empresas con capacidade para emitir certificados de acordo cos estándares do FSC teñen que ser acreditadas por outra entidade, ASI (Assurance Services International), á que agora a FEG vén de remitir nova reclamación solicitando que se retire a acreditación á empresa certificadora (GFA) e que se retire o certificado FSC a ENCE.
  • A FEG nesta nova reclamación incide en que a actividade forestal de ENCE posúe unha elevada pegada de carbono con consecuencias notorias sobre o cambio climático e a súa actividade provoca danos irreversibles nos solos, na biodiversidade, nos recursos hídricos, no patrimonio histórico, na paisaxe e, nas posibilidades de supervivencia das comunidades rurais e favorece os megaincendios.

No estado español operan dous sistemas de certificación forestal internacionais con ampla distribución, o PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification), un sistema creado pola industria forestal e ao seu servizo, que non atende aos comentarios das partes interesadas na xestión e que carece da máis elemental credibilidade e o FSC (Forest Stewardship Council) un sistema que permite aos sectores interesados na xestión forestal realizar comentarios e queixas. A empresa ENCE posúe o certificado de xestión forestal sustentable baixo estándares FSC que foi concedido por unha empresa de auditoría, a alemá GFA CERTIFICATION.

Desde a FEG fai anos que consideramos fraudulenta e reclamamos contra esta certificación xa que o modelo e a práctica de xestión forestal de ENCE dista moito de ser sustentable; máis ben, tal e como se pode comprobar, resulta moi destrutivo xa que favorece os incendios forestais, a erosión, a perda de biodiversidade e a redución dos sistemas de circulación de auga, como se demostrou na queixa remitida á empresa GFA no pasado mes de outubro. De acordo cos protocolos de atención ás queixas establecidos polo FSC, a empresa certificadora tiña que emitir unha resposta a esta queixa no prazo de tres meses pero, con absoluto desprezo cara aos reclamantes, non o ten feito.

As empresas con capacidade para emitir certificados de acordo cos estándares do FSC teñen que ser acreditadas por outra entidade, ASI (Assurance Services International), á que agora a Federación Ecoloxista Galega ven de remitir unha nova reclamación solicitando que se retire a acreditación á empresa certificadora (GFA) e que se retire o certificado FSC a ENCE.

A reclamación que vén de presentar a FEG basease no feito de que a empresa certificadora, GFA, incumpriu os procedementos propios e do FSC, de atención ás queixas das partes interesadas xa que non se teñen respectado os prazos establecidos nos protocolos do FSC e da propia empresa, que fixan en tres meses o período para responder ante as queixas presentadas.

Pero sobre todo, desde a FEG, segue a considerarse fraudulenta a certificación xa que, lonxe de aportar evidencias de que ENCE cumpre cos principios da xestión sustentable, os autores do informe de certificación, falsean os criterios científicos acerca do cultivo de eucalipto e só expresan opinións no sentido da súa conveniencia, a de manter o certificado e así o suculento negocio que hai detrás da certificación.

A Federación Ecoloxista Galega, na súa nova reclamación, aporta evidencias claras de incumprimento destes principios no sentido de que a súa actividade provoca danos irreversibles nos solos, danos á biodiversidade, aos recursos hídricos, ao patrimonio histórico, á paisaxe e, en definitiva, ás posibilidades de supervivencia das comunidades rurais. Fai notar tamén que, na era dos megaincendios favorecidos pola emerxencia climática, ENCE cultiva unha especie pirófita, o que implica unha elevada perigosidade; incídese en que existe consenso entre os expertos en que as plantacións de especies pirófitas como as que realiza ENCE están asociadas a un risco real de que se produza unha catástrofe de consecuencias impredecibles, unha catástrofe como as que xa se teñen producido en áreas próximas e que non se pode cuestionar o feito de que os incendios en plantacións de eucalipto serán cada vez máis frecuentes e de maior extensión.

Tamén fai evidente a FEG na súa nova reclamación que a actividade forestal de ENCE posúe unha elevada pegada de carbono, unha das máis elevadas de España, con consecuencias notorias sobre o cambio climático e que ademais, a súa actividade, ten consecuencias irreversibles no ciclo do carbono xa que transforma en CO2 os depósitos de materia orgánica retida nos solos forestais ao favorecer os procesos erosivos, facendo diminuír as posibilidades de crecemento de vexetación autóctona que actúe como sumidoiro de carbono futuro.

Este falseamento na certificación de ENCE implica un engano ao consumidor dos produtos elaborados coa pasta de papel fabricada por ENCE, quen opta por adquirir produtos co selo FSC pensando que foron elaborados con pasta procedente de cultivos sustentables, este tipo de certificacións fraudulentas ademais danan a reputación do propio sistema FSC e poñen en perigo os esforzos que moitos produtores forestais realizan para axustar a súa actividade aos estándares do sistema.

A Federación Ecoloxista Galega chama aos membros do departamento de queixas do ASI a suspender a GFA como empresa auditora recoñecida, a revisar os certificados concedidos pola mesma e a evitar que os produtos procedentes da pasta de ENCE continúen a chegar aos mercados co selo do FSC.