Desde hai tempo vimos asistindo a una avalancha de queixas dos tecores lucenses que lle imputan ao lobo un hipotético descenso dos corzos debido a un suposto aumento da especie na provincia, sen achegar datos da variación de ambas poboacións. En primeiro lugar, debemos sinalar que ante a presenza dun depredador como o lobo, as presas modifican a súa conduta: adoptan unha maior actividade crepuscular e nocturna, seleccionan áreas de maior cobertura e pasan máis tempo vixiando. Por todo isto, diminúe notablemente a súa detectabilidade e faise is dificil a súa observación. Ante o descoñecemento destes feitos, era esperable que o máis sinxelo (e absurdo) fora denunciar unha diminución falsa da poboación de corzos.

Curiosamente, noutros foros, este colectivo presume de que a provincia de Lugo conta cunha das densidades máis altas de corzo de toda a península Ibérica. O certo é que os custos económicos debidos a atropelos de corzos e porcos bravos, moitas veces derivados da realización de batidas, son moitos maiores cós propios danos causados polo lobo. Aínda que este último sexa o que goce de mala fama debido a unha persecución mediática sen tregua.

Actualmente, o plan de xestión do lobo establece que a pesar de ser unha especie cinexética, só se autorizarán batidas ou controis se se demostran danos reiterados ao gando, xa adoptaran ou non os gandeiros métodos de prevención. ASCEL xa publicou anteriormente datos sobre a escasa repercusión da especie demostrando que o lobo lle afecta a menos do 0’092% do gando doméstico en Galicia e que as enfermidades lle causan máis perdas ao gremio gandeiro que os danos do lobo e sinalou que a polémica xerada é disparatadamente superior á realidade.

Polo tanto, queda patente o interese dos tecores lucenses por cazar inxustificadamente lobos, igual que ocorre –desgraciadamente- con outras especies como o raposo ou os cormoráns. Todo isto ten lugar á marxe de decenas de estudos científicos que inciden nas nefastas consecuencias que ten a matanza masiva de exemplares ou a caza de grandes depredadores para a ecoloxía das poboacións e para a súa viabilidade a longo prazo.