O Goberno estatal xa sobrepasou o prazo marcado pola Unión Europea (xullo de 2007) para ter aprobada unha Estratexia Española de Desenvolvemento Sustentable (EEDS). Por iso, o Goberno puxo en marcha a elaboración da Estratexia, cuxo primeiro borrador Ecologistas en Acción considera insustentable. No noso país, a Xunta continua a atrasar a presentación dunha proposta de Estratexia Galega, un instrumento esencial para avanzar cara a sustentabilidade.
O primeiro borrador da EEDS foi discutido nunha conferencia organizada con esa finalidade polas organizacións integrantes do Consello Asesor de Medio Ambiente. Desde a celebración da conferencia, en xullo pasado, o Goberno central non volveu realizar ningún movemento público e Ecologistas en Acción mostrou a súa preocupación porque continúe pensando en desenvolver o borrador que se presentou, xa que acha que non serve para avanzarmos cara a sustentabilidade.
Comentarios xerais á EEDS
Para Ecologistas en Acción, o ton e a estrutura xeral do borrador da estratexia é inadecuado, ao non establecer nin obxectivos cuantificables, nin prazos, nin mecanismos concretos nin coordenados e con responsables específicos para o seu desenvolvemento.
En xeral, trátase dun repaso incompleto ás liñas de traballo que xa desenvolve o Goberno estatal en temas relacionados coa sustentabilidade, mais non se apreza vontade de modificación ou reformulación das actuais políticas. Mesmo moitas das políticas incluídas na Estratexia, como o PEIT, son profundamente insustentables.
A Estratexia non ten suficientemente en conta que os límites do planeta xa foron superados. As alteracións climáticas, o pico do petróleo, a erosión dos solos, as crecentes desigualdades sociais amosan un panorama sombrío que conduce cara ao colapso. Non resta outra opción que a redución na extracción de materiais, no consumo de enerxía, na xeración de residuos. Porén, o borrador da EEDS non asume unha das bases da sustentabilidade, que é a redución do crecemento e do consumo, o tomar conciencia dos límites físicos do noso planeta, tanto na extracción de recursos como na contaminación. Sen unha seria reformulación do crecemento económico como máximo obxectivo das nosas sociedades, non haberá ningunha estratexia que nos poida achegar á sustentabilidade. Ademais, é imposible fisicamente que os niveis de consumo das sociedades occidentais se poidan estender a toda a Humanidade.
A xuízo de Ecologistas en Acción, non é posible desenvolver ningunha proposta económica sustentable que non teña en conta a economía ecolóxica. Os indicadores maioritariamente usados polo sistema económico capitalista baséanse na contabilización do estritamente monetario. Se o que se quere é pór no centro a satisfacción de necesidades vitais de forma harmónica co contorno (sustentabilidade), no canto da obtención de beneficios monetarios, é preciso incorporar outras visións económicas que visibilicen estoutros aspectos. Algúns indicadores a ter en conta poden ser: IPG (Índice de Progreso Xenuíno), pegada ecolóxica, RTM (Requerimento Total de Materiais), etc.
Outro dos aspectos fundamentais ausentes na Estratexia é a falta de planos para reestruturar o sistema de produción e consumo cara ao local, procurando contrariar o actual proceso de globalización económica, que está a ter importantes repercusións negativas, tanto no ámbito ambiental, como no social e económico.
Á hora de propor políticas cara a sustentabilidade, o borrador de Estratexia practicamente só recolle mecanismos de mercado. Aínda que o mercado pode ter utilidade para avanzar cara a sustentabilidade en determinados contextos, non vale como receita aplicable de forma maioritaria. Non vale porque a sustentabilidade supón asumir a responsabilidade desde o colectivo e non desde o individual, realizar as accións pensando na satisfacción das necesidades comúns, non das privadas.
A maior parte das actuacións propostas están baseadas na ecoeficiencia, necesaria mais non suficiente para abordarmos a crise ambiental. Existen numerosos estudos que mostran como as medidas ecoeficientistas, se non van acompañadas doutras que obriguen a reducir, acaban presentando un efecto rebote que xera un consumo aínda maior. A terciarización da economía non vai acompañada de menores custos ambientais e os estudos sobre o metabolismo da economía española mostran como a "desmaterialización" das economías dos países máis ricos non é real.
Por último, algo fundamental á hora de deseñar unha estratexia é delimitar responsabilidades na situación actual, para así poder encarar mellor as solucións. A Estratexia Española de Desenvolvemento Sustentable enfoca primordialmente á cidadanía. É verdade que a cidadanía ten responsabilidades e que é importante facela consciente delas, mais non o é menos que as grandes empresas e os distintos gobernos teñen maior responsabilidade na situación presente.
Máis información:
Documento coa postura de Ecologistas en Acción sobre a proposta de EEDS