cotaredoaereo2Hai semanas que a maquinaria arrasou a cuberta vexetal do entorno de Cotaredo, pequeno enclave rural abandonado que ficava entre o Camiño Francés e as Fontiñas (na imaxe o ecosistema que se está a estragar). Esta illa de natureza, cuxa vexetación daba acobillo a grande variedade de especies animais (bichos e maleza, na linguaxe da ignorancia e a estulticia) non se beneficiou dunha situación que tem detido outras actuacións absurdas, desnecesarias e lesivas do medio-ambiente.

 
No “polígono 4” de Fontiñas van ser edificadas dúas promocións de vivendas, para alén da que ven de ser acabada formando a Rúa de Jaca e do predio dos novos xulgados. O que resta será un parque de camiños e farolas, deses que xa hai muitos en Compostela e cuxo mantemento é tan caro e medio-ambientalmente insustentábel.

No recanto máis afastado fican as casas da aldeia de Cotaredo, de incerto futuro independentemente de planos urbanísticos.

Haberá quen diga que “por fin limparon”, mas non, o lixo que testemuña a presencia humana fica por toda a parte, só foi arrasada a vexetación, que non é nada suxo.

Esperemos que as vivendas xa construídas ao menos sirvan para inflaccionar ainda máis o absurdo stock de edificación na cidade e que as proxectadas non cheguen a materializar-se. Do mesmo xeito que esperamos que o polígono deserto da ampliación da costa vella (executado habendo parcelas valeiras no Tambre pola especulación do solo industrial) impida a sua extenson cara à Sionlla.