Hoxe a coordinación Palestina.gal da que forma parte Verdegaia vén de facer un acto de entrega aos grupos do parlamento de Galiza, da petición institucional sobre Palestina e a denuncia dos presos palestinos.

Pedimos aos grupos políticos con representación no Parlamento galego (PP, BNG e PSdeG-PSOE) “un pronunciamento solidario” contra a tortura e pola liberación das presas e presos políticos nos cárceres de Israel, e reclamamos da Cámara unha declaración institucional a favor do respecto aos dereitos do pobo palestino.

Representantes da plataforma rexistraron esta mañá ambas peticións no marco das actividades da Semana das Prisioneiras e Prisioneiros Palestinos, en que se denuncian os abusos, torturas e malos tratos que comete Israel. No escrito dirixido aos grupos políticos, a plataforma solicita un pronunciamento a favor do “respecto ás garantías democráticas nas institucións penitenciarias, a prohibición das torturas e os réximes de illamento, a fin das detencións e procesos xudiciais arbitrarios e a liberación das presas e presos políticos, nomeadamente da/os menores e das persoas idosas e doentes que Israel mantén nos seus cárceres”.

Ademais, con motivo da celebración o 15 de maio do día da Nakba, que conmemora a catástrofe de 1948 co inicio da expulsión da terra propia, o espolio, o exilio e a diáspora, PALESTINA.GAL convida o Parlamento da Galiza a promover unha declaración institucional que manifeste “o seu firme compromiso cos dereitos inalienábeis da persoa, a liberdade e o pleno respecto á dignidade humana”, e como representantes do pobo galego insten a comunidade internacional a exixir a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, a fin da réxime de apartheid e o recoñecemento do dereito a voto da comunidade palestina de Xerusalén nas eleccións de xullo, a fin do bloqueo da Faixa de Gaza, o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas, o respecto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos, dos dereitos colectivos como pobo e a fin das detencións arbitrarias, das torturas e das prácticas de secuestro, malos tratos e tortura de crianzas.

Lembramos que, 73 anos despois da Nakba, máis de cinco millóns de palestinas e palestinos sobreviven en 64 campos de refuxiados en Xordania, Siria, O Líbano, Gaza e a Cisxordania, e constitúen o máis antigo continxente de persoas exiliadas no mundo. E que millón e medio de mulleres, homes e crianzas son vítimas de prácticas segregacionistas no interior do Estado de Israel.