O impacto do transporte motorizado ten chegado a límites claramente insoportábeis, incidindo de maneira evidente na diminución da nosa calidade de vida, particularmente nas contornas urbanas. As emisións de gases de efecto invernadoiro e partículas contaminantes súmanse aos efectos do ruído. A ocupación do espazo e a sinistralidade ofrecen cifras preocupantes que ningunha administración semella tomar en serio.
O tráfico é a principal causa de contaminación do aire nas cidades. Unha parte importante da poboación urbana respira aire contaminado se se toman como referencia os valores límite de concentración de contaminantes no aire recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para a protección da saúde humana, máis esixentes que os legais. Entre elas destacan as partículas en suspensión, consideradas como o problema de contaminación atmosférica máis severo e que están detrás de numerosas enfermidades respiratorias, problemas cardiovasculares, e cancros de pulmón. Estímase que pode reducir a esperanza de vida entre varios meses e dous anos. Máis de 16.000 persoas falecen cada ano de forma prematura no Estado español por mor da contaminación do aire. De acordo con datos oficiais, durante 2009 superáronse os valores medios anuais máximos para a concentración de partículas en suspensión (PM10 ou PM2,5) recomendados pola OMS na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo[1]. En 2010 a situación mellorou, superándose os devanditos valores só en Vigo, se ben en Coruña, Ferrol e Pontevedra estiveron a piques de se superar tamén.
Tamén o tráfico é un dos maiores emisores de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes do cambio climático. As emisións de CO2 no transporte por estrada en Galicia multiplicáronse por máis de dous entre 1990 e 2009, atinxindo os seis millóns de toneladas, sendo o maior foco emisor logo da transformación de enerxía. Grande parte das emisións do transporte por estrada teñen lugar nas zonas urbanas. Os principais emisores de CO2 son os coches: queimar 1 litro de combustible supón emitir 2,3 kg de CO2. Así, cada persoa que utiliza o coche para os seus desprazamentos ao traballo (cun percorrido medio diario aproximado de 15 km) emite unhas 2 toneladas de CO2 ao ano só por esta razón
A contaminación acústica é o segundo elemento máis nocivo para a calidade de vida e as nosas cidades son moi ruidosas. Cuantitativamente, o principal xerador deste ruído é o tráfico. Moitos estudos conclúen que as consecuencias sobre a saúde dos niveis de ruído prolongados que xera o tránsito de automóbiles resultan equiparables, ou ata son superiores, ás provocadas pola contaminación do aire. Na Unión Europea, ao redor de 40% da poboación están expostos ao ruído do tránsito cun nivel equivalente de presión sonora que excede 55 dB(A) no día e 20% están expostos a máis de 65 dB(A). Máis de 30%da poboación están expostos durante a noite a niveis de presión sonora por encima de 55dB(A), o que trastorna o soño. Na estrada de Ferrol a Narón, a modo de exemplo, os niveis de ruído nesta estrada oscilan entre os 60 e os 75 decibelios, e a cidade de Vigo soporta niveis superiores ao 55 dBA no 65% do seu territorio (70 de 109 km2), sendo superiores aos 74 dBA noutro 5%.[2]
E o último factor que contribúe á degradación da calidade de vida é a ocupación do espazo polo transporte motorizado. A rúa perdeu a súa función de socialización como espazo "multiusos" de encontro en intercambio. Mudou de espazo público a couto privado para a circulación e o estacionamento. E quen mais padece esta realidade son os pequenos e as persoas maiores ou con discapacidades, que viron enormemente limitada a súa autonomía nas tres últimas décadas. Xa apenas hai desprazamentos que non sexan motorizados aos centros escolares, as rúas téñense convertido nun espazo perigoso por efecto do tráfico descontrolado. De cidadáns pasamos a peóns.
Para mellorar a calidade de vida nas cidades, para reducir os elevados custos económicos do transporte e para combater o contaminación atmosférica, acústica e visual, Concellos, Xunta e Goberno central deben mudar radicalmente as súas prioridades en materia de infraestruturas e urbanismo, apostando por unha nova concepción do desenvolvemento urbanístico, que free a dispersión e a segregación de usos. As cidades teñen que recuperar a súa escala humana, na que a proximidade dos servizos sexa a característica principal. Un lugar é máis accesíbel canto menos distancia haxa para chegar a el. A creación de proximidade é o piar básico da mobilidade sustentábel sobre o que se deben sustentar todas as medidas aquí propostas.
[1]http://www.verdegaia.org/content/view/1138/87/
[2]http://hoxe.vigo.org/movemonos/mabiente_ruidos.php?lang=cas