Verdegaia e Ecoloxistas en Acción esixen que se respecten a Avaliación de impacto ambiental (EIA) como trámite garante da adecuada xestión dos espazos litorais ante infraestruturas portuarias sumamente impactantes que antepoñen os intereses privados aos públicos. Ambos colectivos consideran que eximir dos trámites de Avaliación ambiental aos proxectos de Portos deportivos en Escarabote e o Cabo de Cruz coa escusa de que o dano xa está feito, supón un desprezo e unha forma de desvirtuar a lexislación ambiental así como un impedimento á hora de garantir a adecuada xestión e protección dos valores naturais.
Con este discurso baleiro de contido, a Consellería de Medio Ambiente mediante Resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental eximen aos proxectos de someterse a EIA. As Administracións públicas competentes dan cobertura a infinidade de urbanizacións, portos deportivos, construción de paseos, naves industriais, chairas, espigóns, portos exteriores e outros que de forma irracional e desordenada fóronse situando no litoral galego. Deste xeito, deixan actuar libremente aos intereses privados sen ningún tipo de ordenación e racionalización do sector e control dos problemas que esta actividade representa para a protección daquelas zonas de valor ecolóxico ou social.
Para Ecoloxistas en Acción e Verdegaia estes proxectos deberían ser avaliados con rigorosidade, tendo en conta a necesidade de amarres para a pesca de baixura e produción de moluscos e non obviar a favor de barcos de recreo que supón un modelo de desenvolvemento baseado nun turismo depredador de recursos. Non debemos esquecer que estes dous portos deportivos atópanse a escasos 3km un do outro e nunha zona onde non existe a día de hoxe esa demanda. Primeiro créase a oferta e despois a necesidade na xente. Isto, en contraposición á cultura e riqueza que achegan á zona o marisqueo e a pesca.
Estas actuacións provocan que se vaia mudando o perfil da costa, que se altere a dinámica de correntes mariñas e que se vexa afectada irremisiblemente toda a ecoloxía da zona: praias, bancos marisqueiros, zonas de cría . . coa conseguinte perda de biodiversidade e recursos pesqueiros e a diminución na economía da zona.
Os efectos máis negativos son: a ocupación e desaparición de lámina de mar, dispersión de áridos e terras pola superficie do mar provocando turbidez nas augas, perdida da achega natural de area ás praias e a sedimentación da mesma fora do seu leito natural, perdida de biodiversidade dentro da flora e fauna mariña pola degradación e desaparición de hábitat mariño. En definitiva a perda de toda unha economía sostible e respectuosa co medio. Estamos ante unha política de destrución que cada vez atenta máis e máis gravemente contra os indiscutibles valores naturais, produtivos, culturais e paisaxísticos das rías galegas.
Por iso, Verdegaia e Ecoloxistas en Acción, instan ás Administracións competentes en materia de medio ambiente a que velen polos intereses públicos garantindo o cumprimento da lexislación vixente de maneira que o futuro da costa galega, os seus valores e costumes non se vexa gravemente alterada.