Verdegaia congratúlase de que por fin unha administración tome medidas contra o verquido de augas contaminantes ao regato San Martiño situado na parroquia de Areas en Tui.
Este verquido constante torna as augas cristalinas do regato nun líquido gris e nauseabundo que vai aniquilando toda a fauna e flora que atopa polo camiño ata a desembocadura no rio Miño, espazo pertencente á Rede Natura 2000 por formar parte do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) “Baixo Miño”.
Como as comunicacións realizadas ao concello de Tui e ao Seprona non eran obxecto da atención que a situación esixía, optamos por comunicar os feitos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e simultaneamente solicitar a restauración do ecosistema fluvial afectado, a sanción dos responsábeis e a posta en práctica de medidas que eviten situacións semellantes no futuro.
A CHMS, despois de analizar o estado das augas, acordou sancionar o concello de Tui por “un verquido de augas residuais, procedente de 3 colectores, á canle do regato San Martiño causando danos ao Dominio Público Hídrico” e consecuentemente impoñerlle unha multa de 43.891,20€ e unha indemnización de 13.167,36€.
Lamentamos esta sanción a cargo de fondos públicos municipais que se tería evitado se o concello de Tui tivese actuado en tempo e forma ante esta agresión medio ambiental. A denuncia que presentamos perante a CHMS non foi máis que a formalización das denuncias que moitas persoas que coñecían os feitos viñan facendo dende fai varios anos pero dun modo informal. É por iso que incitamos a todas as persoas a informar e, se corresponde, a denunciar aquelas situacións que consideren como infraccións ou inxustas co medio natural.
Esperamos a rápida restauración deste regato para así devolver á zona ese especial atractivo que caracteriza os cursos de auga do Baixo Miño.