Logo da Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe

Unha vitoria da cidadanía contra a incineración

A Presidenta da Comisión de Peticións do PE, Cecilia Wikström, vén de comunicar aos grupos da Plataforma Galega contra a Incineración, a admisión a trámite da denuncia contra a Xunta-SOGAMA por incumprir a lexislación comunitaria de residuos.

Logo de que en maio de 2013 o PP rexeitara a admisión a trámite da ILP pola reciclaxe e contra a incineración, a práctica totalidade do ecoloxismo galego acudimos a Europa para denunciar a política de residuos da Xunta-SOGAMA. Tras elevarmos a denuncia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, e logo de case dous anos, a súa presidenta vén de nos comunicar a admisión a trámite da petición solicitando ademáis á Comisión Eurpoea que abra unha investigación pola situación do tratamento de residuos en Galiza.

Para o ecoloxismo e a cidadanía en xeral trátase dun importante chanzo na loita por termos unha saúde e un ambiente máis limpos: A incineración e o vertido de SOGAMA, coa beizón da Xunta e o seu Plano de Residuos, alén de incumprir até 3 Directivas europeas (de Vertido, de Envases e Marco de residuos), coloca a Galiza á cola da reciclaxe en Europa e supón unha enorme lousa económica para moitos concellos.

Petición ao PE: sacar á luz as vergoñas da Xunta-SOGAMA

Visto que a Xunta teima en defender a incineración e o vertido de SOGAMA como opción prioritaria para o tratamento dos residuos, subvertindo a xerarquía de tratamento e incumprindo nada menos que 3 Directivas (de Vertido, de Envases e Marco de Residuos), as organizacións integradas na Plataforma galega contra a Incineración pedimos, na nosa denuncia ao Parlamento Europeo:

Que avalíe negativamente o vixente PXRUG 2010-2020 (Plano de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza) por non ser conforme a xerarquía de residuos (Artigo 4 da Directiva 2008/98/CE), ao principio do poluidor-pagador (Artigo 14), e á promoción de medidas de prevención e preparación para reutilización e a reciclaxe (Artigos 9 e 11).

Que cualifique as instalacións de SOGAMA (pretratamento, elaboración de combustíbel e incineración) como instalacións de eliminación e non de valorización, tendo en conta que a eficiencia enerxética está no rango de 0,25 a 0,32, por tanto moi inferior ao valor mínimo de 0,6 establecido pola Directiva 2008/98/CE (Anexo II, R1).

Que rexeite a unha nova planta incineradora e a notificación de que no ámbito de Galiza o cumprimento dos obxectivos de xestión da normativa europea requiren incrementar a prevención, a reutilización e a reciclaxe e reducir a incineración e o vertido (Artigos 11 da Directiva 2008/98/CE e Artigo 6 da Directiva 2004/12/CE).

Que rexeite calquera financiamento de medidas, actuacións ou instalacións relativas á xestión de residuos que non se correspondan estritamente aos obxectivos de prevención e preparación para a reutilización e a reciclaxe.

Que adopte medidas sancionadoras contra a Xunta polas súas actuacións contrarias aos obxectivos establecidos nas Directivas 94/62/CE, 1999/31/CE, 2004/12/CE e 2008/98/CE e polo uso de fondos comunitarios para financiar a eliminación de residuos.

Que esixa á Xunta revisar o modelo centralizado de xestión dos residuos, pola ineficiencia da recollida selectiva no ámbito SOGAMA, en particular dos residuos de envases, que ten unha moi baixa eficiencia (7,4% de recuperación en 2011) e un moi elevado custo económico e consumo enerxético (de máis de 132 kg de gasóleo por t de residuos de envase recuperados, só na recollida e transporte). Reclámase tamén a aplicación da análise do ciclo de vida prevista no Artigo 4, punto 2, da Directiva 2008/98/CE.

 

Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe: ADEGA, Amigos da Terra, Feferación Ecoloxista Galega (formada polos grupos ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, Verdegaia e Xevale), Sociedade Galega de historia Natural e Verdegaia.