IPCCBaixo os lemas “la ciencia habla, los políticos no escuchan” e “mudemos o sistema non o clima”, organizacións da sociedade civil denunciamos hoxe en Vigo a inacción dos líderes mundiais perante a mudanza climática (mc). Os expertos da ONU, quen se reúnen na cidade galega, sinalan a actividade humana como a causa principal dos graves impactos do quecemento global.

Entre os días 5 e 9 de novembro, Vigo acolle a terceira reunión de expertos do Panel Intergobernamental de Mudanza Climática (IPCC)[1]. Preto de 300 científicos procedentes de todo o mundo avalían neste encontro as diferentes opcións de mitigación da mc mediante a limitación das emisións de gases de efecto estufa (GEE).

Coalición Clima, Amigos da Terra, Verdegaia, ADEGA, SGHN, CC OO, SEO/BirdLife, Greenpeace e Ecologistas en Acción saímos á rúa o primeiro día de reunión. “O furacán Sandy volve demostrarnos que loitar pola xustiza climática non é un luxo en tempos de crise se non unha necesidade urxente”, asegurou Tom Kucharz, membro da coalición.

As organizacións sociais esixen aos Gobernos que escoiten as recomendacións científicas e tomen medidas concretas que garantan a redución de emisións e eviten as peores consecuencias da mc. No último informe, publicado en 2007, o IPCC sinalaba que a mc é inequívoca e alertaba de que se non se avanza con urxencia nas políticas de redución, as emisións mundiais de GEE seguirán aumentando e agravando os efectos da mc.

No eido internacional, os gobernos dos países industrializados desoíron as advertencias da ciencia, adiando ano após ano o acordo que permita reducir as emisións e frear, así, a mc.

O Goberno de España, ademais de non tomar medidas para avanzar cara un futuro baixo en emisións, está poñendo freo ás enerxías renovables, á rehabilitación de edificios e incrementando a dependencia enerxética dos combustibles fósiles e dos sectores industriais máis contaminantes (e menos xeradores de emprego), que non só estancan a redución de emisións estatais, se non que as incrementan. O Estado está lonxe de cumprir o Protocolo de Kioto. Malia a redución na actividade económica e no transporte debidos á crise, as emisións de CO2 incrementáronse un 0,1% respecto do ano anterior.

En Galicia, unhas emisións equivalentes a 10 toneladas de CO2 por habitante e a central térmica de carbón de ciclo combinado de Endesa en As Pontes emitindo por si soa 6,81 millóns de toneladas anuais, obstaculizan a loita contra a mc. Os proxectos de bioenerxía ignoran as recomendacións do Comité Científico da Axencia Europea do Ambiente e a aplicación do Plan de Activación do Aforro e a Eficiencia Enerxética 2008-2011 só é testimonial.

“Inda que a ciencia cada vez sexa máis clara acerca dos nefastos efectos da mc, os políticos seguen sen estar á altura das circunstancias, poñendo, así, en perigo a estabilidade climática e ecolóxica de noso planeta e producindo dramáticas perdas humanas e económicas”, subriña Kucharz.

Notas

[1] O IPCC foi establecido en 1988 pola Organización Meteorolóxica Mundial e o Programa de Nacións Unidas para o Ambiente co mandato de avaliar a información científica, técnica e socio-económica dispoñible sobre mudanza climática sobre unha base comprensible, obxectiva e transparente. Un dos seus principais produtos, os informes de avaliación, teñen unha gran relevancia como o referente científico para a toma de decisións no proceso de negociación da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Mudanza Climática e para a definición e aplicación das políticas nacionais neste eido. Os informes do IPCC representan un equilibrio dos puntos de vista científicos e, inda que non son prescritivos, si son politicamente moi relevantes. http://www.ipcc.ch/