
Os recentes atropelos rexistrados en pasos de peóns poñen de manifesto a agresividade e o incumprimento de normas cos que aínda moitos vehículos circulan polas rúas de Vigo.
Os medios de transporte máis sostibles como a bicicleta ou o camiñar son os medios máis vulnerábeis en caso de accidente polo que é primordial establecer medidas que garantan a súa seguridade e así promover o seu uso.
Do mesmo modo que se constata un maior civismo en aspectos como a circulación polas rotondas, un uso máis racional do claxon ou un maior respecto da distancia de seguridade nos adiantamentos a bicicletas, hai outros aspectos que teñen vido a empeorar e en ocasións con consecuencias tráxicas.
Calquera persoa que se desprace por Vigo constata a diario:
- como non se respectan os límites de velocidade, incluso nas Zona 30 é habitual que se circule a máis de 50km/h;
- como un número moi significativo de motos xera unha contaminación acústica insoportable;
- como os medios de transporte máis maniobrabeis como patinetes, motos e incluso algunhas bicicletas asumiron que poden incumprir as normas básicas de circulación, transmitindo frecuentemente a sensación de ‘aparecer do nada’.
Estas condutas xeran unha sensación de inseguridade na que persoas que circulan a pé ou en bici son claramente as máis prexudicadas.
En calquera sociedade sempre existiron e seguramente sempre existirán individuos que antepoñen o seu benestar ao benestar común, pero é inadmisible que as autoridades competentes non tomen medidas para frear esa lacra. Campañas de concienciación acompañadas de controis rigorosos axudarían e moito a erradicar determinadas condutas nas rúas da nosa cidade.
O último suceso tráxico ocorreu a pasada fin de semana na Travesía de Vigo, unha rúa que no noso informe1 de 2012 foi sinalada como un dos principais puntos negros na seguridade viaria da cidade e que desde entón xa foi escenario de diversos atropelos mortais por motos de grande cilindrada. Axuntamos a foto que ilustraba aquela publicación que, tristemente, oito anos despois segue perfectamente actual.

Sen entrar no debate de se o semáforo estaba verde para o peón ou para a moto, como se observa na infografía inicial son varios os estudios2 que indican como nun atropelo a 30km/h a probabilidade de feridas mortais para o peón é de 10%, a 50 km/h esa probabilidade aumenta para 80% e para velocidades a partir de 60km/h a probabilidade é de practicamente o 100%.
1 Mobilidade en Vigo – Unha análise transversal dos diferentes medios de transporte