Verdegaia vén de adherir a iniciativa que establece o día 9 de Marzo como o Día do Naturalismo galego, data escollida pola celebración da efeméride do nacemento de Frei Martín Sarmiento. 

A iniciativa, que partiu do naturista Rafael López Loureiro, escolle unha figura devanceira da que xa se dixo que “foi un galego xenial senón o máis xenial de todos os galegos”. A obra naturalista de Sarmiento foi completamente innovadora no século XVIII, os seus escritos sobre botánica e zooloxía colócannos diante dun autor extraordinario que escribiu a primeira Historia Natural de Galicia, alén doutros moitos traballos de xeografía. 

O Naturalismo, entendido como a práctica das ciencias naturais, é un concepto estreitamente ligado ao ecoloxismo e á defensa do patrimonio natural.  

As actividades que promovemos e realizamos as asociacións ecoloxistas fundaméntase no coñecemento acumulado ao longo do tempo por persoas que como Sarmiento se implicaron no estudo dos procesos naturais demostrando que entendelos é a chave para conseguir o tan ansiado equilibrio entre humanidade e Natureza.