Vendima rematada. Adega governada. Na Asociación Veciñal de Lentille queremos estrear o outono cunha nova convocatoria das Brigadas.
O sábado 7 de Outubro botarémonos outra vez contra as mimosas, teimando nas frentes xa habituais e abrindo máis outra. Desta volta, desde as viñas de Detrás porfiaremos por abrir un corredor libre de acacia cara Názara para así seguirmos debilitando o cerco da mimosa á nosa aldea.
Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 4 de Outubro a máis tardar, comprometendo asistencia e observancia destas instrucións:
O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:00 puntualmente. Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e algunha caralladiña. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. Cremiña de verduras e lasagnas, ben sabedes. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.
Lembrade traer luvas de traballo, unha garrafiña pra reencherdes con auga e tamén os vosos próprios prato, vaso, culler e garfo, así como calzado axeitado e mesmo unha muda por se, ben por nos mollarmos ben por suarmos de mais, queredes estar máis cómodos á hora do xantar.
Vémonos no monte, Brigadistas!
A tua doazón conta!
Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.
Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.