En Mondariz-Balneario seguimos botándonos ao monte. Na roga do sábado 5 de xuño, día mundial do ambiente, actuaremos sobre unha parcela de titularidade pública moi afectada polas vagas de incendios. No 2018 xa fixéramos unha primeira plantación por sementeira con crianzas e familias da vila. Cos anos xestas, eucaliptos e silveiras invadiron de novo o terreo.
Desta volta o obxectivo é limpar, cortar e desbrozar, ademáis de sementar cebada para nutrir a terra. En novembro deste mesmo ano, coa parcela preparada, convocaremos unha nova xornada, desta vez para plantar castiñeiros e carballos. Nos próximos meses faremos unha campaña de amadriñamento de arboriñas nativas para dita plantación.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas,enviar un correo electrónico a ester.outr@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 3 de xuño. Lembrade que as prazas son limitadas. O punto de encontro é o estacionamento do Cemiterio ás 9:30 h.
O albaroque dos brigadistas está supeditado á actual pandemia, con xantar que tamén inclúe opción vegana presentado en racións individuais. Por suposto, tomaremos as medidas de seguridade dictadas perante a situación actual.
Lugar de encontro: Cemiterio de Mondariz Balneario
Teremos aínda á disposición das Brigadistas activas exemplares da tirada limitada de camisolas en algodón ecolóxico. Se aínda non tendes a vosa e ides estar en Mondariz o 5-Xuño, lembrade de indicarnos a vosa talla no momento de vos apuntardes (S – M – L – XL – XXL) pois só poderemos levar o número xusto de camisolas de cada talla. As camisolas son totalmente gratuítas para as brigadistas activas, aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.
Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.
VÉMONOS NO MONTE!