5 de xuño: Día Mundial do Medio ambiente

O pasado domingo 1 de xuño celebrouse unha actividade naturalista no Lugar de Importancia Comunitaria (L.I.C.) Ribeiras do planeta-tierra-pequeno1Louro-Gándaras de Budiño organizada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Asociación Herpetológica Española (AHE) e Verdegaia co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente. 

A Rede Natura 2000 é un conxunto de espazos protexidos destinada a garantir a supervivencia das especies e os seus hábitats. Está composta por milleiros de lugares de alto valor ecolóxico de toda Europa. A Rede Natura 2000 promove que a conservación da natureza beneficie ós cidadans e contribúa ó desenvolvemento socioeconómico dos lugares.

A antiga zona húmida das Ribeiras do río Louro sufriu unha grande transformación ó longo dos anos e hoxe en día está totalmente transformada e perdeu unha parte dos seus hábitats e especies. A existencia de varias charcas e ecosistemas contiguos de moito valor natural pola súa singularidade e escaseza deste tipo de hábitats en Galicia propiciaron a súa inclusión na Rede Natura 2000 como L.I.C. O espazo natural alberga 5 hábitats prioritarios con boas representacións de vexetación acuática e turbeiras e importantes formacións de bosque de ribeira. Inclúe varias decenas de especies de vertebrados e invertebrados protexidos, destacando unha das derradeiras poboacións de sapoconcho europeo (Emys orbicularis) de Galicia e España, e que é a principal localidade de cría regular de Charneco (Anas crecca) en España.

 

O obxetivo desta actividade naturalista no espazo natural Ribeiras do Louro-Gándaras de Budiño, foi a divulgación dos valores naturais do espazo natural e aportar datos para o coñecemento da biodiversidade e o seu estado ambiental.

Un grupo de 32 persoas fixeron unha visita guiada por expertos, ós diversos ecosistemas ligados ás Ribeiras do río Louro, observando fauna e flora do espazo natural. Observaronse os traballos realizados polo “Proxecto de restauración, conservación e uso público de As Gándaras de Budiño e Ribeiras do Río Louro”, aprobado en 2006 e realizado poa Confederación Hidrográfica del Norte, cun orzamento de 6 millóns de euros.

Os asistentes admiraron a existencia de hábitats de interese comunitario e varios especímenes de fauna e flora, destacando a observación de aves do bosque de ribera do Louro, o magnífico amieiral do Cerquido, as turbeiras do Cerquido e Albelos enchoupadas de auga, a colonia de anduriñas das barrerias na Barreira de Cerquido, as pegadas do teixugo na lama do Camiño de Santiago, as bolboretas e o comportamento da cobra de colar entre a vexetación. Os participantes amosaron o seu interese polo estado da poboación do sapoconcho europeo nas augas das charcas, especie cada vez máis en perigo de desaparición coun Plan de Conservación específico a nivel galego.

O percorrido estivo enriquecido por cruceiros, pontes medievais (Ponte das Febres, Ponte da Madalena), pontellas e poldras, de gran valor etnográfico e artístico.

Localizáronse numerosos problemas de conservación que afectan ós valiosos ecosistemas que alberga o espazo natural: estado ruinoso do “Aula de natureza” financiada con fondos europeos, destrución de hábitats por aterramentos, alteración do réxime hidrolóxico das turbeiras , contaminación permanente e lixo, puntos con verquidos de entullo, abundancia de especies de flora invasora, erosión e arrastre de materiais no cauce do río Louro e falta de mantemento dos observatorios ornitolóxicos.

Ó final da actividade se realizou a limpeza do observatorio ornitolóxico situado na Lagoa de A Granxa, nos últimos meses cheo de papeis, prásticos e botellas. Nesta lagoa púidose constatar a nidificación exitosa dunha parella de galiñola negra, que no pasado foi unha especie común nesta área natural.