O movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, do que forma parte Verdegaia, segue realizando actividades, desta volta colaborando con Biodiversidad Virtual e o biólogo Xosé López Goldar na realización dun Testing Fotográfico de Biodiversidade que terá lugar o vindeiro día 3-7-11 pola parte máis septentrional da Serra do Galiñeiro e que comezará a partires das 14 h no merendeiro de Vincios. Para participar na actividade é imprescindible a inscripción previa escribindo un correo a testingfg@gmail.com

Un Testing é un evento que congrega a un grupo de persoas que participan na actividade cun obxectivo común: rexistrar fotograficamente os elementos dun lugar, neste caso a Serra do Galiñeiro. Poden ser plantas, animais, rochas, minerais, elementos patrimoniais, paisaxes,…

As fotografías que se sacan súbense ás galerías correspondentes dunha páxina web, nesta ocasión á de Biodiversidad Virtual (www.biodiversidadvirtual.org) para que un grupo de expertos identifique as especies, minerais,… fotografados e así poder realizar un inventario aproximado dos valores que alberga o espazo onde se desenvolveu o Testing. Para poder subir as fotos que cada persoa realice cómpre rexistrarse na citada páxina como usuario e subir as fotografías dun modo sinxelo.

A actividade conta cunhas normas básicas como evitar molestar ás especies que se fotografen aínda que non saquemos así unha foto tan boa ou recoller os desperdicios que se xeneren.

O roteiro que se efectuará para poder levar a cabo o Testing é de dificultade media e cómpre levar comida, protección solar, calzado e roupa axeitados, e cámara de fotos dixital se se dispón dela. É unha actividade aberta e gratuita para todas e todos e aconséllase o uso do transporte público colectivo para acceder á Serra e así non contribuír ó avanzo da mudanza climática.

Para máis información: Xosé (666 380 926)