Segundo as organizacións asinantes, o PNA 2 implica un aumento do obxectivo de España acordado no reparto da carga partillado polos países membros da Unión Europea como parte das súas obrigas no Protocolo de Quioto, fai un uso desproporcionado do Mecanismo de Desenvolvemento Limpo (MDL), xustifica a utilización de Fondos de Axuda ao Desenvolvemento para a obtención de créditos procedentes do MDL, realiza unha sobreasignación de dereitos ao sector eléctrico que representa unha subvención a este sector e, ademais, as regras de reparto incentivan a produción eléctrica con carbón.
España presentou o pasado mes de decembro o PNA 2 perante a Comisión Europea, e corresponde a esta Comisión valorar se a súa formulación é consecuente e coherente coa lexislación europea.
Desde o pasado 30 de xuño, data en que remataba o prazo para a presentación dos Planos Nacionais de Asignación até agora, as organizacións ecoloxistas estiveron tratando de explicar e achegar ao Goberno español as posibles solucións para mellorar o PNA 2 de forma que España puidese cumprir co seu obxectivo, de acordo co reparto da carga, sen recorrer en exceso ao MDL, preservando a competitividade dos sectores afectados pola Directiva e actuando a prol de combater o cambio climático. Ningunha desas recomendacións foi tomada en consideración.
Verdegaia denuncia o apoio da Xunta á produción eléctrica con carbón
Verdegaia solicitou en abril do ano pasado ás Consellerías de Industria e de Medio Ambiente que demandasen perante o Goberno central que o PNA 2 penalizase fortemente a produción eléctrica con carbón, que foi responsable en Galicia de máis do 40 % das emisións causantes do cambio climático en 2004. Tanto a Consellería do nacionalista Fernando Blanco como a do socialista Manuel Vázquez ignoraron esta solicitude durante o proceso de consulta ás Comunidades Autónomas do PNA 2, favorecendo así a actividade das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama, as dúas industrias con maior impacto ambiental de Galicia.
Verdegaia enviou ao Ministerio de Medio Ambiente comentarios previos á elaboración do PNA 2 e sumouse posterioremente ás alegacións presentadas por Ecologistas en Acción á proposta de PNA 2.
Relación de organizacións asinantes:
Greenpeace,WWF-Adena, Ecologistas en Acción, Amigos de la Tierra, SEO/BirdLife,Fundación IPADE, Ecología y Desarrollo, Entrepueblos, Instituto Universitario de Desarrollo y Cooperación, Asociación Medioambiental La Cirigüeña, Plataforma Antitérmicas de la Pereda, Colectivo Ecologista de Avilés, Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, Grupo Ecologista la Llavandera de Langreo, Grupu Ornitología Mavea de Avilés,Jovenes Verdes, Sociedade Galega de Historia Natural, Verdegaia, Arca, Zornotza Bizirik, Solidaridad Internacional, Grupo Ecoloxista Niño do Azor, Adega, Comité Ciudadano de Emergencia para la Ría de Ferrol, Asociación Medioambiental Muñatoiz, Federación Ecoloxista Galega, CCAN de León, Fundacio Terra.
Máis información: