Este ano as Brigadas voltan a xuntarse en Froxán (Lousame), para a tradicional “Roga de San Silvestre”, na que poderedes graxear e poñervos en forma restaurando o bosque nativo.
Este ano a contraprogramación festiva fai que non puidésemos marcar a convocatoria en fin de semana, máis agardamos que moitas de vós aínda vos acheguedes o martes 27 de decembro, día para o que temos reservado excelente tempo solleiro.
Na intervención plantaremos especies autóctonas en dúas parcelas que xa foron deseucaliptizadas previamente polas Brigadas deseucaliptizadoras, machacando ou descascando puntualmente algúns rebrotes. Trátase de parcelas con acordos de custodia do territorio coa Fundación Montescola, e para as que o proxecto Life Terra nos ven de apoiar na adquisición de plantas.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o sábado día 24 de decembro. Por favor, inscríbite só se podes vir.
Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.
Na parte da tarde continuaremos cos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versarán sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.
Moeda Social A Sabia
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.
A tua doazón conta!
Fai unha achega económica de 1€ ao mes a través de Teaming para que as Brigadas deseucaliptizaroas cheguen aínda máis lonxe. Coas tuas doazóns continuaremos sufragando os seguros das intervencións, comprando árbores e ferramenta e contribuíndo para o empeño das brigadistas voluntarias.