O DIA 26 DE MARZO volven as brigadas deseucaliptizadoras ao Monte do Chá a realizar diversos traballos en varias zonas do monte, na zona de Cariño machacaremos con machados rebrotes de eucalipto proximos á estrada e actuaremos sobre unha pequena zona de mimosas traballando con motoserras por parellas, asimismo na zona entre Liñares e Martín limparemos de toxos unha das mámoas polo que aquí traballaremos con desbrozadoras, fouzos e forquitas.

Agradécese a quen poida que traia ferramenta propia e que o especifique ao apuntarse (sobre todo no caso de motoserra e desbrozadora) de cara a organizar os grupos de traballo; a organización facilitará ferramenta a quen non teña e a precise, non obstante fará falta xente que se ocupe só de apartar a ramalla que se vaia cortando; lembrade que cada brigadista deberá traer luvas de traballo propios.

O lugar de encontro será ás 9:00 h no Confurco, diante de Asfedro: https://www.google.es/maps/@43.4802137,-8.3099533,17z?hl=gl

Alí organizaremos os grupos e nos desprazaremos ás zonas de traballo, trala mañá de traballo o xantar será (salvo imprevistos) na asociación de veciños de Valón: https://www.google.es/maps/@43.4957653,-8.2681578,17z?hl=gl

Por motivos da covid prégase que cada quen traia vaso, prato e cubertos propios. Se alguén ten algún requisito alimentario agradécese que o especifique ao apuntarse.

Para apuntarse, ademais de estar inscrita como brigadista, é imprescindible enviar un correo de confirmación a comunidademontesdocha@gmail.com, antes do venres 25 de marzo para saber o voluntariado que vamos ser e organizar toda a loxística.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.


VÉMONOS NO MONTE!