No marco do programa Vai de Roteiros, anunciámosvos que o vindeiro domingo 25 de novembro temos previsto realizar un roteiro pola serra do Candán no que contaremos co amplo coñecemento da zona do guía Miguel Agulló e a singular voz do contacontos Celso F. Sanmartín.Candán

A saída será ás 9:30 na estación de autobuses de Compostela, onde apañaremos un autobús que nos levará a Vilatuxe. Unha vez alí, visitaremos a fraga de Bustelos, onde se atopan algúns dos poucos carballos da variedade endémica da Galiza. Logo iremos ao lugar de Zobra, onde comezará a andaina, que nos levará á Cabana, Ameixedo e Zobra. Rematado o día, o autobús recolleranos e levaranos de regreso á estación de autobuses de Compostela.

Miguel daranos a información necesaria para apreciar o valor medioambiental da zona e explicaranos os métodos tradicionais de obtención do mel. Celso, pola súa banda, permitiranos botar unha ollada ao valor humano do Candán a través das súas historias e personaxes.

É necesario que as persoas que vaiades levedes roupa e calzado cómodos, impermeable, e auga e comida suficientes para a xornada. Esperamos camiñar uns 14 quilómetros, aínda que todo quedará a expensas das condicións meteorolóxicas e das forzas dos e das participantes.

Para reservar praza, por favor, escribide un correo electrónico ao enderezo compostela@verdegaia.org indicando o nome ou nomes e un teléfono de contacto. Se preferides facer a reserva por teléfono, ligade para o número 646215729 (Alex). Os prezos, para cubrir parcialmente os custes do transporte, son os seguintes: 12 euros para persoas adultas non socias, 10 euros para persoas adultas socias, e 5 euros para persoas con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos; as crianzas menores de 8 anos fican exentas de pago.

Vémonos no Candán!