Verdegaia continúa coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).

En Novembro destacamos a Mimosa (Acacia dealbata), outra especie máis de acacia incluída no Catálogo de especies invasoras que continúa dispersándose por varias zonas do país. É unha árbore orixinaria de Oceanía que foi importada principalmente para xardíns, a súa floración é das máis fermosas que existen. Pero no medio natural tornouse unha das principais ameazas que actualmente asolan o medio natural galego:

  • esténdese moi rápido pola facilidade coa que reabrolla desde a raíz;
  • desprende sustancias alelopáticas que impiden o crecemento de outras especies;
  • as sementes mantéñense viables durante décadas e xerminan con facilidade ante perturbacións como os incendios.

No sábado 25 de Novembro participaremos na actividade que convoca a Asociación Veciñal de Lentille dentro do programa das Brigadas deseucaliptizadoras, na que aprenderemos e poremos en práctica técnicas de eliminación da Mimosa.

Programa

A Asociación Veciñal de Lentille convoca as Brigadas Desacaciadoras para, no marco da iniciativa “12 meses, 12 invasoras” de Verdegaia, realizarmos unha actuación de control de mimosa (Acacia dealbata) na aldea. Seguiremos avanzando nos novos frentes do Regueiro e Detrás para establecermos corredores libres de acacia cara A Gouxa e Názara.

O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:30 puntualmente. Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, fruta e unhas madalenas. Remataremos contra as 14h. pra xantarmos. Cremiña de verduras e lasagnas, ben sabedes. O albaroque acontecerá na terraza do Cabido se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe. Despois da sobremesa, desplazarémonos á parroquia de Sadurnín (5 min. en carro). Visitaremos o Marco da Eira de Mouros, pena de xisto que contén un dos escasos exemplos de petróglifos na comarca. Apoiaremos a iniciativa de Ecoloxistas en Acción O Ribeiro e a Fundación Montescola quen, coa colaboración do Colectivo A Rula, reclaman unha maior protección e valorización deste extraordinario elemento patrimonial. Clodio González, historiador e Cronista Oficial do Concello de Cenlle ofrecerános in situ unha breve disertación sobre o significado e a historia do Marco.

Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas, remitir un email para avlentille@gmail.com até o 22 de Novembro a máis tardar, comprometendo asistencia.

Data: 25-11-2023

Hora de inicio: 09:30

Punto de encontro: Lugar do Souto (42°20’25.9″N 8°06’25.0″W)

Contacto: 691 657 039

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.