NOTA IMPORTANTE: O roteiro queda adiado por mor da previsión meteorolóxica de moi mal tempo.

EstacaVaresO vindeiro día 24 de marzo terá lugar un novo roteiro do programa Vai de Roteiros! de Verdegaia, desta volta cunha camiñata polo LIC de Estaca de Vares. Este mes estaba programado outro roteiro pola marisma da Ramallosa e Devesa da Costa mais por imposibilidade do guía tivemos que modificar o programa polo cal pedimos desculpas. Sairemos ás 9:30 h. das escaleiras de correos en Ferrol.

O programa Vai de roteiros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Así, cada terceira fin de semán do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.

O domingo que vén comezaremos a camiñar na porta da canteira “Mina Sonia”, no Monte Cañoles. Dende este alto disfrutaremos das primeiras panorámicas sobre a ría do Barqueiro.

Continuamos subindo cara ao alto de Facho Maeda, o punto máis alto da península de Vares con 309 m. Durante toda esta subida poderemos seguir disfrutando das vistas das rías do Barqueiro e Ortigueira, Cabo Ortegal, etc.

Dende aquí imos á Garita, nun tramo chan ao longo da lomba, con boa vista da zona O de Estaca. Dende a garita baixamos cara á Vila de Vares, cunha igrexa significativa do século XVIII. Visitaremos unha fonte e un antigo lavadeiro, antes de dirixirnos a unha zona con varios muíños encadeados que xa están fóra de uso e en estado semirruinoso. Na mesma zona veremos os restos de dous muíños de vento.

Seguimos cara ao Norte para visitar o Faro de Estaca, a punta de Estaca, a base militar de EEUU abandonada e finalmente, o observatorio de aves onde, se o tempo o permite, adicaremos un tempiño á observación do paso das aves mariñas. Xunto ao observatorio tamén se conservan en estado de abandono varios muíños encadeados que baixan polo cantil.

Dende aquí afrontaremos a segunda parte do roteiro, dirixíndonos ao Semáforo de Vares, antiga estación militar de radio hoxe adicada a hotel de natureza (aquí poderemos tomar un café). Dende aquí poderemos disfrutar novamente de espectaculares panorámicas de toda a ría do Barqueiro, en especial da Illa Coelleira e do Porto de Vares, onde nos dirixiremos voltando pola mesma pista e xirando á esquerda. No Porto de Vares visitaremos un lavadeiro, o conxunto de casas mariñeiras ben conservado e o peirao fenicio, así como outras curiosidades históricas desta vila.

Dende aquí un bus nos conducirá de volta a Ferrol.

  • Percorrido: 12,5km
  • Dificultade: media-baixa
  • Hora de saída: 9:30h
  • Lugar de saída:escaleira de correos en Ferrol
  • Hora de regreso aprox.: ás 20:30h no mesmo lugar
  • Superficies: pistas asfaltadas e de terra
  • Puntos de interese: panorámicas das Rías do Barqueiro e Ortigueira, muíños de auga e de vento, fontes, lavadeiros, Faro de Estaca, observación de aves, o Semáforo, vila do Barqueiro, Vila de Vares e Porto de Vares, peirao fenicio.
  • Prezo: en función do custo do transporte (non debería superar os 10€)
  • Cada quen deberá levar a súa comida e bebida.

Teléfonos para inscribirse: 661636946 (Miguel) e 616039268 (Antom)