No sábado 22 de xaneiro as Brigadas deseucaliptizadoras actuarán por primeira vez en Vilaboa (Morrazo) nunha parcela da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa.

A xornada consistirá na reposición de castiñeiros e na eliminación de abrochos de eucalipto nunha parcela de case 1 hectárea onde xa están plantados castiñeiros de variedades tradicionais para a produción de fruto e xa se realizaron previamente traballos voluntarios de limpeza.

O punto de encontro é na Mámoa do Rei (ver no Google Maps), no Lago de Castiñeiras, ás 10h da mañá e terminaremos por volta das 14h, cun xantar comunal.

Pola tarde remataremos a xornada cunha visita guiada polo Roteiro das Mámoas da man do arqueólogo Benito Vilas.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a montesvilaboa@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 18 de xaneiro. Lembrade que as prazas son limitadas. Por favor, inscríbite só se podes vir. Avísanos en caso de restricións alimentarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!