“Por unha mobilidade para tod@s” é o lema da avalancha ciclista que se celebraremos este xoves 22 de setembro, Día Europeo sen Coches, as 20:30 con saída desde a Praza Roxa, Compostela
Estamos inmersos no medio da “celebración” da Semana Europea da Mobilidade 2011 que comezou o día 16 e rematará no Día Europeo sen Coches, o día 22. Compostela figura entre as que desenvolverá actividades relacionadas[i] aínda que, até o de agora, non consta ningunha a pesar do enorme problema que supón o tráfico rodado na nosa cidade.
Compostela ten censados 53.000 vehículos e segundo datos da Policía Local, outros 100.000 acceden diariamente á cidade.[ii] Con estes vehículos, os veciños e veciñas da cidade realizan máis da metade dos seus desprazamentos e dentro destes, o 75 % son de distancias inferiores a 2 km.[iii] En contraposición, o transporte público emprégase só nun 11 por cento dos desprazamentos que se realizan na cidade e cunha marcada compoñente de xénero ao seren mulleres o 79% das usuarias[iv].
Esta abafante presenza do automóbil nas nosas rúas ten unha incidencia directa na calidade de vida da cidadanía. O tráfico é a principal causa de contaminación do aire nas cidades e un dos maiores emisores de gases de efecto invernadoiro (Compostela emite diariamente 191,4 toneladas CO2[v]) e departículas en suspensión, consideradas como o problema de contaminación atmosférica máis severo e que están detrás de numerosas enfermidades respiratorias, problemas cardiovasculares, e cancros de pulmón. Estímase que pode reducir a esperanza de vida entre varios meses e dous anos. A contaminación acústica e a ocupación do espazo público por coches ou ás súas infraestruturas contribúen tamén en grande medida a este deterioro. Moitos estudos conclúen que as consecuencias sobre a saúde dos niveis de ruído prolongados que xera o tránsito de automóbiles resultan equiparables, ou ata son superiores, ás provocadas pola contaminación do aire.
E cal e a postura das distintas administracións perante esta situación? Pois máis do mesmo: a teimuda aposta por construción de novas infraestruturas ou ampliación das existentes nunha recreación caricaturesca do mito de Sísifo empurrando a pedra ladeira arriba só para que lle volvera caer encima., como ven de acontecer co túnel da Galuresa, que simplemente trasladou os atoramentos da rotonda de Pontepedriña á rotonda de Conxo. É un feito incontestábel, e así o recoñecen organismos como a OCDE ou a UE, que desconxestión que supón a apertura dunha nova infraestrutura invita ao seu uso por un número cada vez maior de usuarios que antes optaban por outras alternativas, chegando nun horizonte de poucos anos novamente a niveis de saturación. O propio “Green Book of Urban Environment[vi] da UE, afirma que “unha vez construídas as infraestruturas, o tráfico aumenta até atinxir de novo os anteriores niveis de conxestión”.
Namentres, en Compostela inauguramos túneles, pedimos desdobramentos da autoestrada, demandamos unha variante para a Cidade da Cultura . . . e seguimos agardando polo tan presentado e divulgado Plan de Mobilidade Urbana Sostenible do que non sabemos nada dende o mes de febreiro[vii]
Perante esta situación, Verdegaia esixe
– A mellora do transporte público, en cantidade e calidade: mellora de frecuencias, ampliación de horarios (incluídos nocturnos), billetes combinados, implantación de carrís-bus, prioridade semafórica, etc. con particular atención á conexión cos núcleos de poboación da comarca.
– A implantación dunha rede básica de vías ciclistas, formada por estradas, vías ciclistas, rúas tranquilas e espazos seguros compartidos con outros medios de transporte, para dar continuidade e seguridade ao desprazamento en bicicleta dentro da cidade e cos municipios limítrofes, así como estacionamentos axeitados para as bicicletas e acceso en bicicleta ao transporte público
– Medidas para calmar o tráfico, como limitar a velocidade a 20-30 km/h nos barrios, dando prioridade a peóns e ciclistas, realizando itinerarios sinuosos para os coches, colocando bandas elevadas na calzada,….
– Restrición do acceso do automóbil ás cidades: eliminación de prazas de estacionamento no centro e creación de estacionamentos disuasorios na periferia, implantación de parquímetros, prohibición de entrada a determinado tipo de vehículos, etc. Mesmo deberíase estudar a implantación de peaxes urbanas cuxa recadación se investise no transporte público, como xa están a facer algunhas cidades en Europa e suxire o Plano estatal para cumprir o Protocolo de Quioto.
E convoca á cidadanía de Compostela a participar na Avalancha ciclista reivindicativa convocada para este xoves 22 de setembro, Día Europeo sen Coches, as 20:30 con saída desde a Praza Roxa.
[i] http://www.mobilityweek.eu/cities/participants.php?id_country=ES&year=2011&city=es_ebk5q7k9
[ii] http://www.santiagodecompostela.org/facendo_cidade/apartado.php?txt=fc_mobilidade&ap=0&lg=gal
[iii] Datos recollidos na presentación do Plano de Mobilidade Urbana Sostible de Compostela http://pmus.santiagodecompostela.org/
[iv] Id.
[v] Id.
[vi] http://ec.europa.eu/environment/urban/pdf/com90218final_en.pdf
[vii] http://pmus.santiagodecompostela.org/noticia.php?id=1