Dende Verdegaia convocamos a cidadanía galega a sumarse á convocatoria do Día Mundial Sen Automóbil, que terá lugar o vindeiro domingo, 22 de setembro. Invitámosvos a esquecer o coche por un día para comprobar en vivo e en directo canto melloraría a redonda na que se desenvolven as nosas vidas se nos libramos dos malos fumes.mackinac street

 

Este día celébrase anualmente dende o ano 2000 para coincidir coa Semana Europea da Mobilidade. O Día Mundial Sen Automóbil é unha iniciativa descentralizada e autoxestionada

na que participan persoas, comunidades, vilas e cidades de todo o mundo. Orixinouse na Rede Internacional Sen Automóbil World Carfree Network (http://www.worldcarfree.net/) e ten por obxectivo reivindicar os beneficios económicos, sociais e medioambientais dos sistemas de transporte autopropulsados e públicos. Pretende tamén promover medios de transporte máis sustentables e un xeito novo de concibir o urbanismo que permita que as rúas e estradas sexan un lugar onde vivir e non só un espazo de tránsito.

 

A convocatoria do Día Mundial Sen Automóbil invítanos a comprobar a imaxe, o aroma e a sensación que nos inspiraría o noso medio vital se non houbera coches. É unha excelente oportunidade para repensar e redescubrir a nosa mobilidade persoal e o medio urbano ou rural no que vivimos.

 

En Verdegaia desexariamos aproveitar esta convocatoria para felicitarnos polo estado da mobilidade na Galiza. Gustaríanos sinalar que a calidade do ar das nosas cidades é boa, que a planificación urbanística favorece traxectos curtos e medios de transporte públicos e autopropulsados, que as persoas que circulan polas rúas e estradas non padecen estrés nin riscos, que o nivel de ruído urbano é baixo, que facemos un uso equitativo e sustentable do espazo público e dos recursos económicos, que estamos a reducir a nosa dependencia do petróleo e que é posible desprazarse polo territorio, sexa para ir a casa, ao traballo ou a calquera outro lugar, dun xeito barato, lóxico e respectuoso coas persoas e co medio ambiente. Mais basta saír á rúa para comprobar que a realidade é ben distinta, de modo que teremos que gardar as nosas ganas de felicitarnos para outra ocasión.

 

A mobilidade na Galiza segue a estar baseada no automóbil. A calidade do ar depende en medida substancial de se hai moitos ou poucos automóbiles no momento de efectuar a medición. En caso de existir, a planificación urbanística favorece o automóbil e, con frecuencia, sitúao como opción única de transporte. A circulación polas rúas e estradas está condicionada polo estrés e o risco que producen os automóbiles transitando a grandes velocidades. O ruído que se escoita en case calquera punto de calquera das cidades e vilas galegas é o do automóbil. O automóbil ocupa case en exclusiva boa parte do espazo público e o seu uso implica, tanto para as persoas usuarias como para os fondos públicos, un gasto constante e excesivo. O automóbil segue a condenarnos a depender da economía do petróleo. E o xeito normal de desprazarse polo territorio segue a ser o automóbil, por moi caro e pouco lóxico que sexa, e por moitos danos que cause nas persoas e no medio ambiente.