Vigo Ciclábel, á que pertence Verdegaia, convoca unha ‘Bicicletada pola Terra’ que terá lugar o vindeiro xoves día 22 de abril. Sairá ás 19:30h desde a Oliveira do paseo de Afonso XII e rematará na praza de Compostela. Será unha ruta curta, reivindicativa e de dificultade baixa.

Esta acción realízase por motivo do Día da Terra, e o seu obxectivo é o de visibilizar todas as vantaxes e o potencial que ten a bicicleta como medio de transporte activo en Vigo. Con esta bicicletada queremos animar ao uso das bicicletas nos desprazamentos diarios, ademais de reclamar conxuntamente por máis infraestruturas seguras e políticas ciclistas que faciliten o seu uso no día a día.

A bicicleta coma aliada na loita contra o cambio climático

Segundo o último inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), o tráfico rodado supuxo no 2018 o 25% das emisións totais, centrándose un terzo destas en áreas urbanas. Ademais, os coches constitúen un dos principais focos de contaminación acústica.

Pola contra, a bicicleta é silenciosa e emite cero emisións polo que se converte nunha perfecta aliada para poñer freo ás consecuencias do cambio climático e para construírmos cidades máis habitables, inclusivas, seguras e sostibles.

Por estes motivos é necesario facilitar a mobilidade activa na cidade a través de campañas, medidas e infraestruturas que potencien o uso da bicicleta. Isto permitirá acadar a neutralidade climática antes do 2050 conseguindo un Vigo máis habitable e menos contaminante.

Por último, lembrar que para coidarnos entre todas e todos durante a bicicletada será necesario manter a distancia de seguridade así como o uso de máscara e xel hidroalcólico.