Montescola organiza no domingo 21 de xullo unha xornada de voluntariado para a restauración da zona húmida do Ramo Curvo e a súa contorna, de grande valor paisaxístico e arqueolóxico, dentro da Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame. A actuación forma parte da zona de actuación piloto do proxecto “Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático”, co que se busca consolidar unha paisaxe cortalumes.

Froxán foi recoñecido en 2017 polo Programa das Nacións Unidas para o Ambiente como unha das “Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais” (ICCA, nas súas siglas en inglés). Entre os seus espazos de interese inclúese Campo de Lamas, turbeira incluída este ano pola Xunta no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia e situada a poucos metros da zona de intervención.

Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, faremos un obradoiro de cultivo e coidado de arandos e outros froitos silvestres, evidenciando as súas posibilidades para o aproveitamento multifuncional do monte. Ao finalizar, as brigadistas que queiran poderán participar nunha colleita solidaria.

A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades. Podedes apuntarvos  até o venres 19 de xullo enviando un email a info@montescola.org

VÉMONOS NO MONTE !!!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.