groba.jpgO vindeiro domingo 20 de marzo, as asociacións S.O.S. Groba, Instituto de Estudos Miñoranos  e Verdegaia organizarán un novo roteiro do programa de roteiros mensuais de Verdegaia “Vai de roteiros!” pola Serra da Groba, a serra mareira máis meridional da Galiza. A nosa intención é amosar as particulares características faunísticas, florísticas, xeolóxicas, arqueolóxicas, etnográficas e a singular beleza deste espazo natural ó mesmo tempo que analizamos as agresións e ameazas que padece.  A saída será ás 9:45 h. da estación de autobuses de Vigo ou ás 11 h. da porta do Parador de Baiona dende onde se subirá en coches particulares á parte alta da serra. O roteiro durará todo o día, polo que se recomenda levar auga, comida e algo de conversa. É imprescindible a inscripción previa.

O programa Vai de rotieros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.

Como dixemos, o roteiro iniciarase en autobús para os residentes en Vigo, evitando deste xeito o uso do vehículo privado. Unha vez na serra, comezaremos coñecendo o esceario onde todos os anos se celebra o Curro da Valga, o que nos achegará a unha especie de enorme importancia, tanto polo seu valor intrínseco como por tratarse dunha especie clave no modelado e na conservación dos principais hábitats da serra: o cabalo galego de monte.

Dirixirémos despois á turbeira de Gordobalo, onde ademais dos valores naturais propios deste ecosistema poderemos observar un valioso conxunto de grabados zoomórficos. E despois de contemplar o petróglifo retrodeceremos (no tempo) para visitar unha mámoa na que aínda poderemos apreciar algúns dos elementos da cámara lítica que conforma o seu núcleo.

Baixaremos entón ao encontro do cauce principal que drena o planalto da Valga, o chamado Río do Espiñeiro. Pasaremos a carón dun conxunto de muíños de auga, e atravesaremos o curso do río a través dunha antiga pontella. Remontaremos esta corrente río arriba e subiremos até unha encrucillada na que observaremos un marco divisorio e unha antiga cruz de pedra.

A continuación voltaremos cara o río do Espiñeiro e continuando a nosa remontada pasaremos por algunhas das turbeiras máis importantes da serra da Groba, integradas no sistema hídrico dos montes de A Valga: turbeiras de Os Salgueiriños, Campo de Sapos e Curro Vello.

Un chisco máis tarde, remontando a corrente estacional de A Quiringosta deleitarémonos coas súas fermosas e límpidas augas, e ascendendo chegaremos ao cumieiro da serra. Percorreremos o monte da Bandeira, a Boca da Costa de Seixán, o Costado, o Vicaludo e o alto do Castelo, deténdonos na contemplación dos espectaculares cantís litorais e observando dúas pozas estacionais. O roteiro finalizará na antiga caseta forestal, para voltar de novo ó Curro da Valga .

Entre os valores naturais do espazo natural salientan a grande riqueza avifaunística coa que conta a Serra da Groba na que habitan nove especies de aves incluídas no Anexo I da Directiva 79/409/CEE, “Directiva Aves”, a parte doutras moitas incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, especies de animais catalogadas coma de interese comunitario pola Directiva 92/43/CEE, “Directiva Hábitats”, (tres de mamíferos e nove de anfibios e réptiles), e numerosas especies de animais incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Ademais, na serra aparecen catro hábitats catalogados coma prioritarios pola “Directiva Hábitats”: "Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Erica ciliaris e E. tetralix”, “Formacións herbosas con Nardus”, "Turbeiras ácidas de esfagnos", e “Charcas temporais mediterráneas da alianza Isoetion”. Tamén atopamos hábitats catalogados coma de interese comunitario pola “Directiva Hábitats” como "Breixeiras secas", "Vexetación casmofítica de pendentes rochosas. Subtipo silícola", "Pastos pioneiros en superficies rochosas", e “Correntes de auga oligotróficas”.

Durante o roteiro teremos a oportunidade de coñecer outros valores cos que conta esta serra tais coma as mámoas, os petróglifos, os pasos e pontellas tradicionais, os curros (a serra constitúe o hábitat da mellor poboación galega de cabalo de monte cunha cabana de 2.500 cabezas de grande riqueza xenética), as numerosas lendas de transmisión oral, a gran calidade ambiental coa que conta este espazo…

Por todos estos valores, en 2008 e co apoio doutros 15 colectivos ecoloxistas e conservacionistas entre os que estaban S.O.S. Groba e o Instituto de Estudos Miñoranos, Verdegaia apresentou perante a Diercción Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia unha proposta de inclusión do espazo natural dentro da Rede natura 2.000 da que a día de hoxe aínda non se ten resposta.

Entre as agresións e ameazas que sofre este prezado espazo natural salientan os proxectos de parques eólicos e campo de golf, as plantacións de eucalipto, a caza, a apertura indiscriminada de pistas, os lumes forestais e a grave erosión do solo que conlevan, as captacións indiscriminadas de auga nos humedais… que analizaremos ó longo da xornada.

Nesta actividade contaremos con dous guías especializados e bos coñecedores da serra e os seus valores: Afonso Rodríguez -naturalista-  e Xilberte Manso -membro de S.O.S. Groba e do Instituto de Estudos Miñoranos-, que realizarán paradas explicativas. O roteiro é de dificultade media-baixa e durará todo o día polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. É unha actividade aberta e gratuita para todas e todos e organízase en transporte público colectivo para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo da mudanza climática. 


Máis información e inscripcións: Diego R. Vieites, responsable da Área de Biodiversidade e Secretario Xeral de Verdegaia (670 784 919, diegodalimia@yahoo.es).