APÚNTATE ATA O 17 DE MAIO PARA UNHA CONTUNDENTE DESACACACIÓN NO RIBEIRO

Na Asociación Veciñal de Lentille queremos aproveitar a primavera antes que o calor e a seca supoñan risco de máis para traballar con máquinas entre as acacias e convocamos as Brigadas para unha xornada de desacaciación e convívio na nosa aldea: será no sábado 20 de MAIO, e contamos convosco!

A liberación de camiños veciñais e os pequenos e constantes avances contra as estremas seguirán sendo a nosa prioridade. Tamén escascaremos algúns peteiros illados en áreas onde xa vimos traballando hai anos.

A hora de comezo das atividades serán as 9:00 no punto de encontro habitual no Souto. Coma sempre disporemos auga fresca, froita variada, café e algún petisco para un almorzo no monte a media mañá, e pararemos por volta das 14:00 para procedermos co albaroque e a sobremesa. O menú será o habitual e mataremos a fame coas lasagnas da Su. Dependendo da temperatura e a previsión meteorolóxica, a cremiña de verduras poderá ser substituída por unha sopa fría de melón, pomelo e menta, tamén apta para vexetas.

Lembrade traerdes luvas de traballo (vanse gastando e o remanente das brigadas xa é escaso), unha garrafiña para reencherdes con auga e os vosos proprios prato, vaso, culler e garfo, así como calzado apropriado e mesmo unha muda por se, ben por nos mollarmos ben por suarmos de mais, queredes estar mais cómodos á hora do xantar.

Tamén queremos lembrar que a leña de acacia procedente da atividade das Brigadas en Lentille estará sempre ao dispor de iniciativas e proxectos sen ánimo de lucro que a precisen para o desenvolvimento da súa actividade en prol do ben común. A Asociación Veciñal de Lentille fica atenta a propostas e solicitudes en avlentille@gmail.com.

Para vos apuntardes é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até o 17 de MAIO a máis tardar. As prazas son limitadas, non demoredes en vos animar.

VÉMONOS NO MONTE!

A tua doazón conta!

Fai unha achega económica de 1€ ao mes a través de Teaming para que as Brigadas deseucaliptizaroas cheguen aínda máis lonxe. Coas tuas doazóns continuaremos sufragando os seguros das intervencións, comprando árbores e ferramenta e contribuíndo para o empeño das brigadistas voluntarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.