Durante o fin de semana do 5 ao 8 de decembro reuníronse en Basauri (Bizkaia) un centenar de persoas que representaban a grupos ecoloxistas e ambientais, entidades recuperadoras de economía social e grupos de educación ambiental.
A principal constatación é o fracaso da xestión dos residuos, recuperándose de media un escaso 15%, así como un aumento imparable na súa produción, incumprindo os obxectivos do plan nacional de residuos vixente.
As causas son evidentes, o actual modelo de xestión baseado nunha recollida que mestura as distintas fraccións do lixo, imposibilita unha maior recuperación e reciclaxe.
Seguen vixentes as formulacións que desde os inicios viñéronse propondo desde "amantes do lixo" e que inciden nas políticas de redución, reutilización e recollida selectiva para a súa posterior reciclaxe.
As políticas de redución e reutilización son primordiais para diminuír a podución de lixo potenciando o consumo responsable.
As políticas de recollida selectiva en orixe permiten tratar cada residuo por separado. A materia orgánica supón o 45% e é facilmente recuperable con sistemas de compostaxe ou biometanización. Como demostran as experiencias en Cataluña, Córdoba, etc. superándose o 60% de recuperación e reciclaxe dos lixos. Destacamos os altos resultados do modelo "porta a porta" implantados en municipios de Europa e Cataluña.
Estas políticas deben incluírse nas leis que se están a debater neste momento (a transposición da Normativa Marco de Residuos Europea e o Plan Nacional Integrado de Residuos) con plans concretos e dotacións orzamentarias suficientes.
Amantes do lixo rexeita a incineración como sistema de tratamento polo seu alto custo económico, impacto sobre o medio ambiente e a saúde da cidadanía.
CONCLUSIÓNS XERAIS
- Denunciamos o actual modelo baseado no consumo desmesurado de recursos, que xera graves impactos ambientais e sociais. Criticamos este modelo de "desenvolvemento", voraz e insustentable, que conduce á exclusión social.
- É necesaria unha política de prevención e redución en orixe dos residuos, apoiando políticas de produción limpa e ética.
- Esiximos o cumprimento real da Xerarquía dos "tres erres": redución, reutilización e reciclaxe e que sexa transladada ás leis en debate nestes momentos (transposición da Normativa Marco de Residuos Europea o Plan Nacional Integrado de Residuos e a revisión da lei de envases e embalaxes)
- Apostamos pola redución de residuos como principal vía para solucionar o problema desde a súa raíz.
- Apostamos por un modelo de recollida selectiva en cando menos, catro fraccións (materia orgánica, vidro, papel e resto), que garanta o máximo índice de recuperación e reciclaxe.
- Esiximos unha recollida selectiva da materia orgánica ao ser a fracción máis importante dos refugallos, separación que ten que alcanzar unha pureza superior ao 90%.
- Esiximos a titularidade pública da xestión de todas as fraccións de residuos. É paradigmático o caso da xestión dos envases (Ecoembes), que non cobre o custo total da recollida e tratamento e até impón a súa política de "usar e tirar" ás corporacións municipais.
- Reivindicamos taxas fiscais que graven a incineración como solución de "fin de tubaxe" e tamén a vertedura e que este diñeiro se destine a incentivar a recuperación real e efectiva.
- As campañas publicitarias non poden substituír ás campañas de educación ambiental, xa que estas últimas inciden na prevención e reutilización e son sostidas no tempo e diríxense a todos os niveis da sociedade.
- Reafirmámonos no dereito á información, a transparencia e a participación na xestión dos residuos, como estratexia para aumentar a implicación de toda a sociedade.
- Valoramos como positivo o traballo dos grupos recuperadores de economía solidaria que recollen as fraccións denominadas especiais (voluminosos, RAEEs, roupa etc) porque basean o seu modelo na reutilización (venda segunda man), a recuperación dos diversos materiais (superior ao 60%) e a xeración de emprego.
- Desbotamos a incineración en todas as súas variantes (incineración, plasma, cementeiras…) como modelo de xestión de residuos polo seu alto custo, antiecolóxica, prexudicial para a saúde pública e porque imposibilita a recollida selectiva de materia orgánica e resto de materiais. Así como unha mínima xeración de emprego.
- Desde "Amantes do Lixo" facemos un chamamento á coordenación dos diferentes movementos sociais (sindicatos, veciñais, consumidores, ecoloxistas, recuperadores, colectivos de educación ambiental…), co fin de parar os proxectos de incineración e crear un modelo alternativo de xestión baseado na xustiza social (extensible a todo o planeta)
XX Encontro estatal de Amantes do Lixo. Basauri (Decembro de 2008)