Cando se cumpren 2 anos de xenocidio do pobo palestino en Gaza e van xa 77 anos de ocupación da Palestina coa complicidade dos aliados sionistas e a ausencia de medidas por parte da comunidade internacional, as entidades que apoian:
- Denunciamos as criminais accións militares iniciadas o 7 de outubro de 2023 polo Estado sionista de Israel, principalmente na Faixa de Gaza, mais tamén no resto dos territorio ocupados da Palestina. Coa mesma rotundidade denunciamos o crime da ocupación ilegal de terras e desprazamento forzoso da poboación palestina que dá orixe mesma ao Estado de Israel.
- Exiximos un cesar fogo inmediato que implique a retirada das tropas israelitas despregadas na Faixa de Gaza, e a inmediata abertura de corredores seguros para a axuda humanitaria
- Exiximos unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel e resto de responsábeis directos que permitiron e colaboraron nesta barbaridade.
- Condenamos a complicidade da Unión Europea e dos seus membros cos intereses do sionismo, e manifestamos a nosa repulsa polo feito de que, tras dous anos de xenocidio, as lideranzas europeas só recentemente comezasen a rexeitar a inhumanidade de Israel de maneira tan morna e aínda sen efectos prácticos.
- Exiximos da Unión Europea a revocación das relacións preferentes con Israel. Todos os acordos bilaterais deber ser cancelados inmediatamente.
- Exiximos do Estado español que, máis alá das palabras, efectivice a ruptura de relacións diplomáticas, comerciais e militares cos xenocidas, e aposte de maneira decidida por dotar o recoñecemento do Estado Palestino de implicacións prácticas e inmediatas.
- Exiximos da Xunta da Galiza que deixe de se pór de perfil e tome postura clara na defensa da legalidade internacional, e que cancele todas as relacións bilaterais que mantén, ás agachadas, cos xenocidas.
- Exiximos a aplicación do dereito internacional, en particular a aplicación do dereito de autodeterminación dos pobos, en toda Palestina, do río Xordán ao mar Mediterráneo, garantindo o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas. Urxe parar o xenocidio, máis tamén impedir que Israel poida continuar a roubar terras, desprazar poboación local, aplicar estruturas sociais de apartheid e hostigar todo un pobo.
Por todo isto, chamamos a participar na manifestación nacional e a encher as rúas de Compostela o próximo 5 de outubro coa solidariedade galega e denunciar o xenocidio en Gaza e exixir o fin da ocupación da Palestina.
Galiza con Palestina!






















