portada.pngVai de Roteiros retoma a súa andaina co comezo do curso cun roteiro por Sobrado dos Monxes coorganizado por Verdegaia-Ferrol e Verdegaia-A Coruña. O roteiro é de dificultade media-baixa. Entre outros, os fitos máis salientábeis que coñeceremos serán o acampamento romano da Ciadella, o Mosteiro de Santa María de Sobrado, o lugar de Reboredo (teixos), a Lagoa de Sobrado, o carballo centenario na Portacal, Igrexa e Pazo de Cumbraos e a carballeira da Casa do Gado. Este é un roteiro non sinalizado deseñado por Verdegaia.

Percorrido: 13,9 km.

Dificultade: media-baixa.

Ubicación: Concello de Sobrado (A Coruña).

Transporte: bus.

Saída:

  • Para as persoas que vaian dende Ferrol, a saída será ás 9 da mañá dende a escalinata de Correos.

  • Para @s que vaian dende A Coruña, o bus fará unha parada en Guísamo para recollelas ás 9:30 xunto ao Café Central.

Volta: 20:30 h aprox.

Prezo: soci@s 10 €, non soci@s 12 €.

Pontos de interese: acampamento romano da Ciadella, Mosteiro de Santa María de Sobrado, lugar de Reboredo (teixos), Lagoa de Sobrado, carballo centenario na Portacal, Igrexa e Pazo de Cumbraos, carballeira da Casa do Gado, a paisaxe.

Recomendacións: posto que se trata dun roteiro non sinalizado deseñado por Verdegaia, recomendamos a quen participen que sigan as indicacións d@s organizador@s e non se adianten grandes distancias.

Contacto

Miguel: 661636946 (N.C. Ferrol)
Jacobo: 639224770 (N.C. A Coruña, tardes)

Percorrido

Prólogo: visita ao Campamento Romano de A Ciadella

Como prólogo ao noso roteiro, e dada a distancia a Sobrado (6 km), faremos unha pequena visita co propio bus a este importante xacemento arqueolóxico. Ao chegar ao lugar das Cruces desviámonos á dereita para chegar ao lugar da Igrexa, a 3,5 km.

Asentado sobre unha altiplanicie de 480 metros. Atópase rodeado por unha cadea montañosa que é a Serra da Corda, cuxa altura varía entre os 522 e os 601 metros. A presenza do Campamento neste lugar débese a motivos estratéxicos coma o control do paso cara a “Lucus Augusti” (Lugo). Grazas ás tellas achadas con marcas que consisten nuns selos rectangulares con esquinas redondeadas coa inscripción COHIC, CPC, CIC, pénsase que corresponden ás Cohors I Celtiberorum. Estas Cohors coñecémolas a través dunha fonte escrita coñecida coma Noticia Dignitatum. A finais do Século I estarían no Norte de África, aséntanse en A Ciadella a comezos do Século II e permanecen alí ata ben entrado o Século IV, no que é trasladada a Iulóbriga (Reinosa). Unha vez abandoado é ocupado por poboación civil xermánica. O recinto campamental é rectangular, coas esquinas redondeadas. As súas dimensións son 172 metros de largo por 140 metros de ancho, o que equivale a unha extensión total de 2,40 Ha, que son as medidas idóneas para o asentamento de unha Unidade Militar Quinquenaria, é dicir, unha Cohors. Todo este recinto está defendido por unha muralla e un foso, así coma varios postos de vixiancia situados nas cercanías do Campamento. Os materiais achados no Campamento son abondosos, destacando a cerámica común romana, Sigillata Hispánica procedentes dos talleres de Tricio (Rioxa Alavesa), Sigillata Hispánica Tardía, Lucernas, unha ampla gama de vidros, moedas que abarcan dende a época de Domiciano (86 D.C.) até Claudio II (270), bronces, obxectos de ferro, materiais cerámicos de construción, etc.

Unha vez rematada a visita, voltamos ao bus para dirixirnos a Sobrado e comezar a nosa andaina.

Tramo 1: Praza do Concello-cruce de Eirexe Nova

Superficie: beirarrúa, asfalto e terra.

Distancia: 2339 m.

Dificultade: baixa.

Dende a Praza do Concello partimos cara o Sur pola beirarrúa que arrodea a finca do mosteiro (estaremos seguindo o Camiño de Santiago). As vistas do Mosteiro de Sta. María e dos Montes do Bocelo, ao fondo, conforman unha paisaxe magnífica para comezar o camiño. Xusto antes de chegar ao cruce de A Pontepedra xiramos á esquerda e seguimos a beira dereita da pista, sen perder de vista o muro da finca do mosteiro. Á nosa dereita temos ao recén nado Río Tambre, que recibe ao seu primeiro tributario, o Rego de Porto Ferreiro, xusto despois de saír da finca do mosteiro, pola que serpentea preguiceiro. Seguimos sempre a carón do muro do mosteiro, e tras dous cruces atopamos xa o camiño de terra. Poderemos aproveitar os ocos no muro para disfrutar das vistas do interior da finca, formada por praderías e fragas de ribeira. A dereita do camiño veremos un exemplar salientable de abeto. Ao chegar ao cruce cunha pista de terra xiramos á dereita en dirección Sur para comezar o seguinte tramo.

Tramo 2: Cruce de Eirexe Nova-Lagoa de Sobrado

Superficie: terra.

Distancia: 4.118 m

Dificultade: baixa.

No cruce seguimos a pista cara ao Sur, deixando á nosa esquerda o lugar de Eirexe Nova. O camiño, amplo e de bon andar, discurre entre prados e montes, con predominio de especies autóctonas como carballos, salgueiros e bidueiros, se ben o aumento no cultivo de eucaliptos e piñeiros faise cada día máis evidente. A medida que imos subindo as vistas vanse facendo máis fermosas, tendo como telón de fondo os Montes do Bocelo, que pouco a pouco van sucumbindo á invasión eólica. Tras camiñar uns 625 metros, xa case ao coroar o alto, desviarémonos á esquerda por un camiño de menor anchura. Ao pouco atoparemos un novo desvío, onde seguiremos pola dereita. Pronto deixamos á nosa esquerda o lugar de Millares, onde hai unha pequena lagoa artificial moi eutrofizada, aínda que nela tamén se poden ver parrulos, galiñas de río e mérgulos.

lagoa.pngContinuando sempre polo mesmo camiño, pasaremos polo lugar de Reboredo, que conserva un interesante conxunto de casas de pedra. Cruzaremos o rueiro para baixar por un camiño ata unha fonte cuberta polas frondas de tres fabulosos teixos. Voltaremos polos nosos pasos para deixar Reboredo en dirección Sur, e a uns 50 m xiraremos en dirección Leste por un vello camiño que ao pouco nos levará ao comezo dunha pista de terra.

Collemos esta pista para andar en dirección NO entre praderías e pequenas fragas que conforman unha paisaxe ben conservada e que paga a pena percorrer con vagar, ata chegar á Lagoa de Sobrado, onde faremos o xantar aproveitando a pasarela de madeira. Recomendamos non entrar ao suposto observatorio xa que na actualidade por desgraza ten outros usos.

A lagoa ten unha extensión de 10 ha e considérase como o nacemento do río Tambre. A pesares da súa orixe artificial, que se remonta a comezos do século XVI, é unha boa representación dunha zona húmida. As aves acuáticas, as ras e as tapadeiras (nenúfares) son o primeiro que capta a nosa atención. Pero hai máis. A lagoa ten importancia comunitaria pola presenza do felgo Isoetes velatum. Ademais é de destacar a presenza da alga Nitella flexilis, xa que se trata dunha das poucas citas na península. Entre os mamíferos é de destacar a presenza da lontra, o leirón careto, a algaria, o tourón e o raposo. Non menos importantes son as diferentes especies de anfibios e réptiles.

Tramo 3: Lagoa de Sobrado-A Portacal

Superficie: terra.

Distancia: 3.810 m

Dificultade: media.tramo3.png

Repostas as forzas, bordeamos a beira Oeste da lagoa seguindo a pasarela de madeira ata chegar a un prado que cruzaremos en dirección N para enlazar co camiño que nos leva ao lugar de Gondrei. Xa á saída do rueiro, no cruce de camiños collemos o de terra da esquerda, en dirección NO, e ao chegar á zona baixa desviámonos á dereita seguindo un camiño atravesado por un regato. Este camiño discorre entre prados e fragas de ribeira, e tras 400 metros chega ao Rego do Rodelo, onde pasa a ser un carreiro. Tras outros 300 m chegamos ao Muíño dos Cregos.

Seguimos remontando o cauce do rego entre fragas, prados e repoboacións, e tras pasar xunto a un rueiro de pedra acadamos o cruce do Lago. Aquí xiramos á esquerda a pista asfaltada e a poucos metros collemos un camiño de terra á dereita, dende onde xa podemos ver o lugar da Portacal. Neste lugar atopamos un carballo centenario catalogado pola SGHN como o segundo máis vello de Galicia.

 

Tramo 4: A Portacal-Mosteiro de Sobrado

Superficie: terra e asfalto.

Distancia: 3.704 m

Dificultade: baixa.

Saímos da Portacal continuando pola pista asfaltada (nalgún tramo permite camiñar pola beira) ata chegar ao lugar de Eirexe (parroquia de Cumbraos), onde se atopa a fermosa Igrexa de San Xiao, de cruz grega, e o Pazo da Armada, adicado á explotación gandeira. Este pazo conserva tamén unha interesante fraga, se ben os camiños que a percorren están case perdidos. Saímos do lugar por unha deliciosa avenida flanqueada de carballos para cruzar a estrada AC-231, que vén de Teixeiro. Xusto ao outro lado está o cemiterio e un pouco á dereita un castro. No cruce xiramos á esquerda en dirección SO, seguindo unha corredoira que discorre en paralelo á estrada. A un km máis ou menos atopamos unha pista alfaltada, aquí xiramos á esquerda e antes de acadar novamente a estrada collemos o camiño de terra á dereita ata chegar xunto ao indicador de Amilladoiro (a alguén non lle gustaba o “a” e tachouno). Cruzamos a estrada e entramos xa na Carballeira da Casa do Gado polo camiño “celta-román-suevo”, segundo reza un cartel colgado no seu arranque. Cunha extensión de 35 ha, esta fraga é coñecida por ser unha das máis fermosas de Galicia e porque aquí se filmaron moitas das esceas da película O bosque animado (1987), de José Luis Cuerda. As especies predominantes son o carballo e o castiñeiro, se ben na porta do pazo atopamos interesantes exemplares de sobreira, e nos regos que a cruzan ameneiros, salgueiros, bidueiros e freixos de bon porte. En menor medida pódense ver acivros e cerdeiras. Tras rodear o muro do pazo pola zona Sur (orlado con poemas dunha poeta local), chegamos á estrada que vai cara á lagoa. Cruzámola e baixamos por unha calexa, xirando logo á dereita para baixar entre casas de pedra ben conservadas de novo á Praza do Concello. Dende aquí accedemos ao recinto do Mosteiro para realizar a visita guiada por un monxe da propia congregación (45 min). Ao remate da visita volveremos á praza para coller o bus de volta a Guísamo e Ferrol. A hora prevista de chegada é arredor das 8:30.

O mosteiro

O de Santa María é un mosteiro cisterciense de gran relevancia na historia de Galicia durante séculos e unhas das máis importantes obras do barroco galego.

mosteiro.pngFundado polos beneditinos no ano 952, foi abandonado a comezos do século XI. Foi refundado novamente polos monxes cistercienses no ano 1142, comunidade que levou o Mosteiro a un notable poder económico e social; chegando a estender os seus dominios a Portomarín, Palas de Rei, Noia e Betanzos e chegando a aloxar ata 8000 viaxantes anuais. Tal prosperidade foi a que levou o Mosteiro a estar case continuamente en obras dende o século XVI ata o XVIII, época na que foron construídos a igrexa, o claustro ou a sancristía. No século XIX comeza a súa decadencia, que conclúe coa orde de desamortización e o seu total desaloxo no ano 1834.

No ano 1959 o cardeal Quiroga Palacios decide liberar das ruínas o edificio o mandar comezar os traballos de reconstrución que virán acompañados 7 anos despois pola reocupación por unha comunidade de monxes cistercienses vidos do Mosteiro de Viaceli, situado en Cóbreces (Cantabria). Dita comunidade rexenta a hospedaría, o albergue de peregrinos e xestiona unha pequena explotación gandeira ata os nosos días.