As Brigadas levamos 8 anos promovendo a restauración ecolóxica de espazos naturais degradados por especies exóticas invasoras, monocultivos e incendios. Todas as brigadistas sabemos o duro que é o esforzo que representa. Por iso quixemos dar un paso máis para protexer o traballo de restauración feito, promovendo unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular que, por primeira vez, estabelecerá un tipo de espazo natural protexido para zonas degradadas en proceso de restauración: as áreas de restauración ecolóxica.
Temos até comezos de agosto para reunir 10.000 asinaturas para que o parlamento galego tome en consideración a nosa proposta de lei. Por iso, queremos aproveitar a convocatoria de manifestación de Queremos galego! do domingo 17 de maio para organizar unha primeira roga para recoller asinaturas durante o evento, que comezará ás 12:00 na Alameda de Compostela.
Teremos unha mesa de apoio na propia Alameda e faremos un albaroque con petiscos ao acabar. Se aínda non tes a túa camisola das Brigadas esta é a túa oportunidade para a conseguir (debes indicarnos a túa talla cando te inscribas). Envía un email a info@montescola.org até o sábado 16 para que poidamos calcular os petiscos.


















