Despois do albaroque, obradoiro de cultivo de arandos e colleita solidaria coas Brigadas
En Froxán continuamos coas accións deseucaliptizadoras no Chán de Avelán, onde acabaremos de eliminar eucalipto nunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola para a súa rexeneración ambiental e conservación. Esperamos deixar a zona pronta para plantar no próximo inverno.
A xornada terá lugar o domingo 16 de xullo, e será imprescindíbel apuntarse ata o día 14. Os traballos comezarán ás 9:30. Ademais de apear árbores, aplicaremos a técnica de descasque en tocóns, e rozaremos outra parcela próxima que xa foi deseucaliptizada e plantada con frondosas neste inverno.
O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoje “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil e pequenas pozas no rego da Silva onde se poderá tomar baño ao ar libre.
Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, faremos un obradoiro de cultivo e coidado de arandos e outros froitos silvestres, evidenciando as súas posibilidades para o aproveitamento multifuncional do monte. Ao finalizar, as brigadistas que queiran poderán participar nunha colleita solidaria a favor dos gastos das Brigadas deseucaliptizadoras.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE a quinta feira (xoves) día 15 de xuño. Por favor, inscríbite só se podes vir.
Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.
Este será o último dos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versarán sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.
Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.
A tua doazón conta!
Fai unha achega económica de 1€ ao mes a través de Teaming para que as Brigadas deseucaliptizaroas cheguen aínda máis lonxe. Coas tuas doazóns continuaremos sufragando os seguros das intervencións, comprando árbores e ferramenta e contribuíndo para o empeño das brigadistas voluntarias.
VÉMONOS NO MONTE!
Trackbacks/Pingbacks