Organizacións e colectivos integrantes da Plataforma Ulloa Viva e da Plataforma Defensa da Ría de Arousa (PDRA) convocan manifestación que percorrerá as rúas de Compostela o 15 de decembro, denunciando a “campaña” que a Xunta está a desenvolver para impedir a milleiros de persoas e colectivos alegar contra Altri e o intento de deslexitimación masiva que quere vulnerar e atentar contra os nosos dereitos constitucionais.

As plataformas rexeitan as manobras do goberno do Partido Popular á fronte da Xunta que, valéndose da maquinaria administrativa, tenta calarnos e deixarnos fóra da tramitación do proxecto, cando coma galegos e galegas, afectados polo seu impacto, temos dereito a ter información da Administración. Frente a iso exixen que nos conten o que están a facer, os informes que encargaron, o que están a valorar os técnicos, e os resultados”

Xunto a isto denuncian que “non contentos con filtrar á prensa supostos informes encargados a distintos organismos, dos que non temos notificación nin coñecemento, a Xunta leva semanas mandando escritos de requirimento aos asinantes das máis de 23.000 alegacións contra o proxecto emendando a nosa lexítima solicitude de que nos recoñezan a condición de persoas interesadas nun procedemento administrativo.

Diante da ofensiva lanzada pola Xunta contra as máis de 23.000 alegacións ao proxecto de Altri, a Plataforma Ulloa Viva e a PDRA, xunto con outras asociacións e colectivos de todo o país, anuncian campaña de acción conxunta contra o intento da Xunta de amordazar ás persoas que alegaron en contra de Altri.

Diante da preocupación e o enfado co que os millares de persoas que presentaron alegacións están a recibir requirimentos, Ulloa Viva e a PDRA advírtenlle á Xunta que o país, non se vai deixar asoballar polo feito de que o PP pretenda usar a maquinaria da administración contra os seus propios administrados.

Esta actuación antidemocrática do Goberno galego súmase á negativa a ampliar os prazos de exposición pública para formular alegacións tanto no propio proxecto como no da captación de augas e vertedura.

Manifestación o 15 de decembro

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, apoiadas por outros moitos colectivos, convocan mobilización o vindeiro 15 de decembro en Compostela. Unha nova demostración da contestación social en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei baixo o lema “A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!”.

Diante da tramitación do Proxecto Gama na Xunta de Galicia, o desprezo do goberno galego a informes científicos dun órgano asesor estatutario como o presentado polo Consello da Cultura Galega, e o feito de que o goberno de Rueda segue sen atender ao clamor social contra Altri e continúa a defender os intereses particulares dunha empresa no canto de defender ás galegas e galegos, ao noso territorio e aos nosos sistemas produtivos.  Ulloa Viva e PDRA voltan ás rúas para dicirlle ao PP e a Rueda que nin queremos nin precisamos unha macrocelulosa no corazón da Galiza que suporía a destrución do noso país até a Ría de Arousa.

Podes colaborar coa organización e ver as localidades desde as que saen buses para a manifestación