As brigadas deseucaliptizadoras amplian o abano de especies invasoras sobre as que actuar. Nesta convocatoria para o sábado 15 de abril, a Asociación Comuneiros do Chá convócanos a erradicar os pés de Helichrysum petiolare que brotaron de semente nunha zona que a ano pasado foi desbrozada e parcialmente repoboada.

helicrysum petiolare é unha especie orixinaria de Sudáfrica, trátase dun arbusto ramoso e gabeador que afoga toxeiras e mesmo especies arbóreas formando masas monoespecíficas e que na boca da ría de Ferrol hai anos que constitúe un problema ambiental de primeira magnitude ante a pasividade das administracións.

A técnica de erradicación é sinxela e básicamente manual polo que é moi importante que as persoas voluntarias traian luvas preferentemente de coiro pois no terreo hai brotes de toxos mesturados cos helichrysum a erradicar. Se alguén prefire usar sacho pode traelo ou usar os que a organización poñerá á disposición d@s voluntari@s.

Trátase dun traballo sinxelo nun terreo de pouca pendente e desbrozado hai un ano polo que a xornada é perfectamente apta para crianzas e persoas maiores.

O pto de encontro será ás 9:30 h no Viso (Entre san Cristobal e Martín) hai unha explanada onde deixaremos os vehículos, fronte a ela un camiño que sube ó Chá e a 400 m comeza a zona de actuación.

Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista, mandar confirmación ao correo comunidademontesdocha@gmail.com antes do xoves 13 de abril.

Tras a actuación, sobre as 14:00 h, a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo na AVV de Valón, para iso cada persoa deberá traer o seu propio copo, prato e cubertos, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

A asociación Comuneiros do Chá xestiona este monte veciñal das parroquias de Brión e Doniños deSde hai apenas dous anos, neste tempo repoboáronse 14 has de frondosas (dúas con voluntariado das brigadas deseucaliptizadoras o ano pasado), iniciouse o aproveitamento gandeiro do monte con cabalo galego de pura raza, coidouse o patrimonio arqueolóxico do monte (7 mámoas limpas e sinalizadas dun total de 20 nos terreos comunais) e os miradoiros sobre a boca da ría e o Golfo Ártabro. Se hai tempo trala actuación farase un roteiro polo monte.

VÉMONOS NO MONTE!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.