Verdegaia ven de presentar a campaña ‘12 Meses, 12 Saberes’ que decorrerá ao longo deste 2024 co obxectivo de dar a coñecer aspectos singulares do patrimonio natural e etnográfico galego. Coa celebración dunha andaina cada mes descubriremos, e aprenderemos, curiosidades nos máis variados campos que fan da nosa terra un lugar único.
Aprenderemos a identificar aves e árbores, a entender a dinámica das dunas e a interpretar as formacións xeolóxicas, adentrarémonos nos segredos das mámoas e lembraremos eventos como O xantar de Conxo. Os roteiros serán na última fin de semana de cada mes, con unha duración aproximada de dúas horas e media e guiados por diferentes expertos segundo a temática.
Os participantes recibirán ao inicio de cada actividade un folleto con pistas para identificar os elementos máis representativos que se abordarán en cada roteiro. Ao rematar, dun modo divertido, os guías porán a proba os coñecementos adquiridos polos participantes.
O primeiro roteiro será xa o sábado 27 de Xaneiro no Esteiro da Foz na Ramallosa onde aprenderemos a identificar aves propias deste ecosistema como a garza real, a garceta ou o mazarico galego.
Data: Sábado 27 de Xaneiro, de 11 a 13:30h.
Punto de saída: Inicio do carril bici da Ramallosa (Nigrán) – 42°07’19.3″N 8°49’05.5″W
Inscrición: gratuíta pero é obrigatoria a inscrición en info@verdegaia.org ou 691 657 039